Coa televisión como fonte de inspiración, o alumnado concentrou nun espectáculo de hora e media todos os contidos da materia combinando coreografías musicais con partes teatralizadas e coa entoación de cancións compostas para a ocasión. Sen ter unha formación audiovisual previa, foron quen de escribir e levar á práctica un guión con oito escenas, unha por tema da materia, versionando a oferta das canles televisivas. De este xeito, fixeron un percorrido polos principais programas nacionais que serviron de fío condutor para incluír diálogos e composicións musicais repletas de conceptos didácticos. Houbo alusións ao programa El Hormiguero, actuación coa que trataron de verter luz sobre a definición de educación física; imitaron ao presentador de Cuarto milenio, Iker Jiménez, para facer un percorrido pola historia da didáctica; co programa Mujeres, hombres y viceversa puxeron de manifesto as correntes de estudo da educación física e coa serie de debuxos animados Los Simpsons explicaron as competencias curriculares dun docente.
Adquisición de competencias didácticas e transversais
O profesor Roberto Barcala, responsable da materia, sinala que este tipo de iniciativas son moi apropiadas para que o alumnado desenvolva as habilidades como o manexo de grupos, a xestión emocional ou a aprendizaxe significativa, necesarias para impartir unha clase de educación física. “A didáctica non é máis que ensinar a ensinar e con esta actividade pódese comprobar se son quen de levar á práctica os coñecementos teóricos aprendidos durante o cuadrimestre”. Para o profesor Barcala o máis beneficioso de estes proxectos docentes é a iniciativa que amosa o estudantado e a súa autonomía “fomentando unha aprendizaxe que depende totalmente da elección que faga o alumno”, ademais de potenciar o traballo en equipo e a cooperación.Por outra banda, o docente considera que a organización de Didactix 2012 permitiulle ao seu alumnado desenvolver novas competencias e habilidades máis aló da materia estudada “construíndo unha proposta docente multidisciplinar que esixe coñecementos transversais”. Así, os estudantes de último curso de Ciencias da Actividade Física e do Deporte non afondaron soamente na didáctica “senón que tamén traballaron a creatividade, a entoación, a redacción, as manualidades, a expresión en público, a importancia do esforzo…”, engade o profesor.
Tanto Barcala como o seu alumnado amosáronse moi satisfeitos cos resultados da actividade, pois recolle o "intenso" traballo de todo un cuadrimestre, “co se aprendeu a delegar, a dividir o traballo e a ser constantes e responsables, mantendo as datas de entrega de guións e con ensaios e reunións semanais”, apunta Iago Aldir. Así mesmo, “conseguir actuar no Teatro Principal de Pontevedra foi moi motivador para o grupo”, engade. De todos xeitos, ao alumnado de Didáctica II aínda lles queda unha última proba “de fogo” co exame escrito da semana que vén.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















