A exposición Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez, que durante a celebración de Xacobeo 2010 estivo en París, Roma e Santiago de Compostela, inaugurarase o vindeiro 25 de xullo ao concello pontevedrés de Catoira. Esta localidade está moi ligada á historia do arcebispo compostelán e ás peregrinacións xacobeas por ser punto de referencia principal da ruta do Río Ulla e do Mar de Arousa, a orixe do fenómeno xacobeo.
O pai de Diego Xelmírez, o cabaleiro Xelmirio, era o alcaide das Torres do Oeste, co que se supón que Diego pasaría alí parte da súa nenez. Si está comprobado, segundo se recolle na Historia Compostelana, escrita no século XII, que o que chegaría a ser primeiro arcebispo compostelán pasaba grandes tempadas nas Torres e que fortaleceu o castelo primitivo cunha torre maior e mandou construír a capela dedicada ao apóstolo Santiago. Este reforzo das fortificacións, xunto co estabelecemento no mesmo lugar do que pode considerarse a primeira flota de guerra de España, viu motivado por ser considerada Catoira a principal defensa que tiña Galicia por mar. Por Catoira entraban moitas mercadorías de diferentes partes de Europa con destino a Compostela e considerábase de vital importancia estratéxica para o comercio medieval.A exposición, organizada pola S.A. do Plan Xacobeo e o Concello de Catoira, inaugurarase o 25 de xullo, festividade do Apóstolo, e permanecerá na sala de exposicións do edificio Multiusos desta localidade ata o 5 de outubro. A mostra trata de ilustrar sobre don Diego Xelmírez (1070?-1140), unha figura sen a que non se pode entender a internacionalización da Compostela do século XII. De feito, a súa longa traxectoria vital a cabalo entre o século XI e o XII supuxo para a cidade o pulo definitivo que a convertería nunha das urbes de referencia da Europa románica desde moitos puntos de vista.
Xelmírez fixo de Compostela un dos centros de poder máis importantes dos reinos hispánicos, reclamando para Galicia un peso e unha independencia política que o levaron a coroar no ano 1111 na catedral de Compostela ao neno Afonso Raimúndez, que fora criado nas nosas terras, como rei de Galicia. Desde o punto de vista eclesiástico, sendo administrador da sé esta pasa definitivamente de Iria a Compostela (1095), para seguidamente se converter en bispo e comezar a loita pola consecución da dignidade metropolitana que acada no 1120 conferíndoselle o privilexio de ser o primeiro arcebispo de Santiago.
Nesas décadas desenvolveuse como nunca o chamado Camiño de Santiago, que situou a peregrinación xacobea a altura da de Roma e Xerusalén, convertendo así á vila do Apóstolo nun dos grandes centros de peregrinación da Cristiandade. Esta actividade favoreceu o crecemento urbano da cidade e o desenvolvemento da poboación, creándose una rica diversificación do sector comercial e social que levaría a unha revolta dos artesáns e comerciantes contra o señor da cidade, o bispo Xelmírez, no 1116-1117. Por último, eses anos foron sen ningunha dúbida a idade de ouro da arte e da cultura compostelá, co proseguimento da Catedral de Santiago e a creación das grandes portadas do transepto –a Francíxena e Praterías-, a construción de dous pazos episcopais, as obras de infraestrutura urbana na cidade (camiños, acuedutos, ou hospitais), así como a promoción dunha escola de Gramática e a redacción de textos de tipo histórico, relixioso e literario.
SAÚDOS, GABINETE DE COMUNICACIÓN DA CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO
Imagen: Apóstol Santiago



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















