O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, presentou o proxecto integral e plan de usos da Illa de San Simón como un “programa de actividades e servizos culturais de primeiro nivel co obxectivo de converter esta contorna nun centro cultural de calidade e con proxección internacional”.
O conselleiro de Cultura definiu o novo proxecto integral para as Illas de San Simón e San Antón como “un plan ambicioso e reflexionado” que trata por unha banda de “explotar ao máximo as singularidades que fan da illa un espazo cultural único” e por outra, non limitarse “ás evidentes bondades da proposta, senón que fai unha profunda análise dos inconvenientes derivados da insularidade”.
![]()
Roberto Varela lembrou a categoría da Illa de San Simón como “enclave único e esencial para a cultura galega” que ocupa “un lugar privilexiado na historia literaria e cultural de Galicia e mesmo universal”. Do mesmo xeito, o conselleiro asegurou que “non esquecermos a historia nin as vítimas, terán o seu lugar na Illa e honraremos a súa memoria neste espazo simbólico para a cultura e o pensamento”, afirmou.
![]()
Ao fío dos valores patrimoniais, ambientais, paisaxísticos e históricos dun espazo nomeado Ben de Interese Cultural hai máis dunha década, o conselleiro de Cultura manifestou que a “Xunta de Galicia demostra estar completamente implicada coas Illas de San Simón e San Antón” e enunciou o “máis firme compromiso para pór en valor as súas inmensas potencialidades culturais” a pesares da “austeridade que nos reclama o contexto actual”.
![]()
O titular de Cultura referiuse ao contexto que atinxe neste momento á Illa de Sn Simón como “unha fase de restauración, rehabilitación, remodelación e a súa actual reformulación” despois de ter pasado “unha etapa de abandono na segunda metade do século XX”. Roberto Varela expresou o seu desexo de converter á Illa “nun centro vivo de creación de cultura e nun punto de afluencia e interese para artistas, pensadores e creadores, un lugar aberto de encontro, diálogo e creación” para que nun futuro a curto prazo “poidamos falar deste enclave como un espazo cultural de referencia a nivel nacional, europeo e iberoamericano”.
A Illa do pensamento
O obxectivo fundamental do novo plan de usos é preparar á Fundación para convertela nun foco de actividade cultural de prestixio, con capacidade para atraer artistas, persoeiros e institucións con relevancia internacional, que permitan espallar a cultura de Galicia. A Illa de San Simón afronta un novo proceso de rehabilitación que a converterá mun gran laboratorio de ideas con proxección globalizadora, vocación multidisciplinar e unha nova identidade liderada polo pensamento creativo a través das novas tecnoloxías que permiten superar os contornos físicos para chegar a outros novos.
A través do renovado plan de usos, a Illa de San Simón configúrase como un lugar de encontro e intersección de culturas, ideas e pensamento. O longo proceso de rehabilitación da Illa achéganos un enclave idóneo para desenvolver actividades de toda índole onde se suman novos equipamentos, infraestruturas e espazos naturais que inclúen zonas expositivas, residenciais e lúdicas.
Obxectivos e liñas de traballo
A dotación dun programa de actividades que converta á Illa nun referente como centro cultural de calidade; o desenvolvemento dun proxecto de servizos culturais dotado de sostibilidade técnica e financieira; a dimensión internacional das actividades culturais da Illa de San Simón; a consolidación da industria cultural galega a través de actividades de estudo, análise e formación; a colaboración coas administracións públicas e privadas; converter a Illa nun centro de referencia na difusión do patrimonio; conservar e mellorar o patrimonio histórico, cultural, natural e paisaxístico da Illa e asemade, a promoción do acceso dos cidadáns á Illa e o coñecemento da súa historia e valores patrimoniais son algúns dos obxectivos máis destacados desta fase de restauracion actual que porá en valor ás Illas der San Simón e San Antón.
A meta do proxecto cultural presentado hoxe reside en converter á Illa de San Simón nun espazo recoñecido pola calidade da súa programación, polo compromiso coa cultura, polo servizo á industria do sector e por unha xestión eficiente que colabore con institucións e entidades en iniciativas orientadas ao desenvolvemento cultural e a preservación do patrimonio histórico e natural. A imaxe da Illa de San Simón construirase a partir dos principios de rigor e a calidade da programación; a conservación do patrimonio e a cultura; os servizos culturais innovadores e con proxección internacional e a configuración dun espazo cultural e patrimonial aberto á sociedade.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















