Canto máis crúa é a realidade, máis queremos ser personaxes de novela. É difícil porque os novelistas cando contratan personaxes prefiren espías, soldados, arcebispos ou xente con algunha relación co Códice Calixtino. Pero unha feira está para darlle volta ás cousas e mentres dure o Culturgal calquera pode ser un personaxe de novela. Pode escoller o papel que quere asumir nunha historia que, como case todas, comeza cunha crise e cun intento de asasinato. Non hai requisitos: só falar uns minutos co escritor e contarlle como lle gustaría aparecer e que opina da historia que que estará en marcha e que se irá completando segundo se vain sumando personaxes e avance a feira. A historia irá avanzando en vivo e en directo e poderá seguirse desde a mesma feira ou desde www.camilofranco.eu
Camilo Franco traslada o seu despacho de escritor “en vivo e en directo” ao Salón da feira durante tres días, desde primeira hora da mañá ata as 21h. O Salón é un cuarto confortable e amplo no que se sucederán as presentacións das últimas novidades editoriais como Onde mercan os Larpeiros e Criaturas, que contarán coa presenza de coñecidos personaxes da TVG; a primeira novela gráfica de Xosé Tomás, Nómades; as dúas novelas de fantasía xuvenil de Elena Gallego Dragal I e Dragal II; o Ninguén de Fran Alonso; o Poñente de Pere Tobaruela; a colección de Cociña infantil e familar; a Guía de Libélulas de Galicia e a Guía didáctica de instrumentos galegos; ou o volume colectivo sobre o 15M A praza é nosa, coordinado por Marcos Pérez Pena, entre moitos outros.
Un ano máis, as Conversas de Salón entre escritores e xornalistas serán un dos pratos fortes da Feira. Pasarán polo salón de Culturgal, entre outros, Manuel Rivas e José Luis Cuerda, Domingo Villar, Xulia Alonso, María Xosé Queizán, Carlos Callón, Antón Riveiro Coello, Mario Regueira e Jacobo F. Serrano, Antonio Piñeiro, Brais Rodríguez e Sergio Covelo do Colectivo Polaqia, novos autores de novela negra como Xosé Manuel García López e Francisco Varela Losada, Uxía ou Emilio Alonso e Víctor de las Heras. Con eles falarán sobre a literatura e sobre a vida catro xornalistas galegos de referencia: Ana Romaní, Manuel Jabois, Xesús Fraga e Teresa Cuíñas. Manuel Rivas, Domingo Villar, Xulia Alonso e María Xosé Queizán aproveitarán, ademais, para tomar un Café con lectores e lectoras dos seus libros, en encontros organizados por distintos colectivos de difusión e promoción da lectura.
No Cuarto dos Nenos tamén haberá unha importante presenza de propostas literarias ao longo dos tres días que dure a feira. Varios contatontos e obradoiros para aprender a apreciar a literatura en todas as súas vertentes e unha morea de divertidas presentación pensadas para os máis pequenos, como o Contatrás de Berrobambán e edicións Positivas; O meu gato é poeta de Fran Alonso e Xurxo Souto ou Vou ter un irmán de María Solar e Xosé Tomás e para os non tan pequenos, como o xogo de rol ao vivo Mortos de ningures, de Pereledi e Andrés Meixide; os “Megatoxos” e A chave da Atlántida de Anxo Fariña; ou A lenda de Cuaima e Mohan de Xan Egia.
E fóra da feira...
Os Poetas da Hostia venderán a súa alma o venres 2 ás 23h30 no Pequeño Karma nunha subasta na que o público poderá escoller de entre tres poetas a aquel polo que desexa poxar despois de escoitalos recitar. Un recital poético con música ao vivo e moito humor no que o que o poxador gañador leva en realidade non é ao poeta en vivo, senón un obxecto poético realizado pola artista María Longa baseado nun texto de cada un dos poetas participantes subastados, que representa a súa alma.
Finalmente, o domingo 4, terá lugar o primeiro Xantar Literario de Culturgal. O Restaurante Rúas cociña as receitas que Pepe Cáccamo, Fina Casalderrey, Xabier P. Docampo e Xesús Fraga expuxeron en libros recentes: Cociñando ao pé da letra (Editorial Galaxia) e 50 recetas con moras (Alvarellos). Os autores porán o seu toque na receita e acompañarán aos comensais nunha comida para falar de gastronomía, literatura e outras exquisiteces. O menú estará composto pola tortilla segundo receita de Pepe Cáccamo, a empanada de millo de croques de Fina Casalderrey, o peixe sapo en prebe de abelás e viño albariño especialidade de Xabier P. Docampo e unha sobremesa elaborada con froitos silvestres segundo as indicacións de Xesús Fraga. O prezo por comensal é de 30 € e pódese reservar oco no mail contidos(at)culturgal.com. Só quedan 10 prazas.
http://culturgal.com/mapa_feira.php?espazo=3
Máis información sobre Culturgal
A Feira das Industrias Culturais está organizada pola Asociación Culturgal, unha entidade da que forman parte as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). Culturgal 2011 conta co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), do Concello de Pontevedra, da Secretaría Xeral de Política Lingüística e do Ministerio de Cultura do Goberno de España.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















