hemeroteca
Enlaces
Los blogs de nuestros colaboradores
Propón un blog

Éxito na promoción turística de Galicia en Fitur 2012

Cultura.es

smaller text tool iconmedium text tool iconlarger text tool icon
230112Fitur_visitadiscaminosantiago A Xunta de Galicia, a través de Turgalicia, dependente da Secretaría Xeral para o Turismo, pechou a súa participación na Feira Internacional do Turismo de Madrid- FITUR 2012 cun éxito para a promoción turística de Galicia, logo de que ao longo dos últimos cinco días o stand institucional galego se convertese no espazo integral para a difusión dos valores, produtos e servizos turísticos galegos baixo o paraugas da marca turística Galicia, gárdasme o segredo? e o novo mapa de xeodestinos turísticos galego.

Fitur ven de facer público un primeiro balance de visitantes no que, segundo a organización, nos días dedicados ao sector profesional recibíronse na feira un 2% máis de visitantes que en 2011. En total, en 2011 Fitur recibira, entre público xeral e profesional, un total de 209.000 visitas, cifra que este ano se verá previsiblemente superada a falta dos datos definitivos. Tendo en conta esta estimación, polo stand galego situado no pavillón 9 da feira pasaron unha cantidade de visitantes semellante á rexistrada na pasada edición, que acadou as 70 mil persoas.

Durante estas xornadas, a Xunta de Galicia presentoulles aos operadores turísticos nacionais e internacionais e ao público xeral os novos produtos cabeceira de marca: Camiño de Santiago, Faros e praias salvaxes, A ruta da Camelia, Mananciais de Galicia, Bosques de Galicia, Santuarios máxicos, Turismo mariñeiro, Paseando entre viñedos, Patrimonio oculto e Lugares máxicos.

O desenvolvemento destes produtos encádrase na nova estratexia de promoción e comercialización do Turismo de Galicia a través da nova marca.

Xeodestinos

Ademais da marca do Turismo de Galicia, FITUR 2012 serviu para dar a coñecer o novo mapa dos xeodestinos turísticos, no que se distribúen 14 áreas que engloban turisticamente todo o territorio galego.

Así, os xeodestinos Rías Altas (Ferrolterra-Eume e A Coruña-As Mariñas), Costa da Morte, Terras de Santiago, Mariña Lucense, Lugo e A Terra Chá, Ancares-Courel, Ribeira Sacra, O Ribeiro, Terras de Ourense e Allariz, Celanova-A Limia, Verín-Viana, Manzaneda-Trevinca, Rías Baixas (Ría de Muros e Noia, Ría de Arousa e Terras de Pontevedra e Ría de Vigo e Baixo Miño) e Deza Tabeirós puidéronse promocionar entre os operadores turísticos e o público xeral.

Material de promoción

Ademais dos contactos entre profesionais galegos e outros do resto de España e o exterior, o público xeral que acudiu á Feira Internacional do Turismo de Madrid, FITUR 2012, puido acceder ao material de promoción do destino Galicia dispoñible no stand e á información achegada polos máis de 20 informadores turísticos galegos.

Deste xeito, entre onte e hoxe, distribuíronse máis de 150.000 folletos e outro material de promoción, achegados pola Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia e as outras entidades de promoción turística provinciais e municipais.

 

Actividade no stand

Ao longo destes cinco días de feira, celebráronse 17 presentacións relacionadas cos produtos e os servizos turísticos galegos dos 14 xeodestinos.

Nestas presentacións que ofreceron os distintas entidades galegas de promoción turística, participaron operadores e xornalistas de distintos ámbitos.

O stand galego tamén recibiu a visita institucional do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a ministra de Fomento, o ministro de Agricultura e Pesca, Miguel Arias Cañete; así como os presidentes das deputación provinciais da Coruña Pontevedra Diego Calvo e Rafael Louzán; e os alcaldes da Coruña, Carlos Negreira, Santiago de Compostela, Xerardo Conde, e Ferrol José Manuel Rey Varela, entre outros.

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, recibiu tamén no stand aos integrantes do proxecto Discamino. Un pai e o seu fillo de 12 anos con parálise celebral percorrerán o Camiño dende Roncesvalles ata Santiago nunha silla de rodas-bicicleta Duet. Este proxecto presentouse en Fitur no Stand da Rede Española de Turismo Accesible-Red Estable e levarase a cabo entre o 25 de xuño e o 15 de xullo deste ano. O obxectivo de Javier Luque e mais do seu fillo Antonio, naturais de Córdoba, é contribuir á rehabilitación do rapaz proporcionandolle variados estímulos multisensoriais, así como facer un chamamento sobre a necesidade dun turismo accesible.

A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, recibiu a Javier Luque e ao seu fillo hoxe no stand de Galicia en Fitur. Alí amosáronlle a bicicleta adaptada que conseguiron para realizar o percorrido.

Escribir un comentario