‘Master Class’ ofrece unha oportunidade única para gozar do excelente traballo interpretativo da actriz galega Mabel Rivera, de recoñecido prestixio no panorama nacional, enfrontando un personaxe histórico, María Callas, cheo de matices e rexistros interpretativos, tanto a nivel persoal como artístico. A figura da cantante representa un mito de alcance universal, no só para os amantes da ópera, senón tamén para o público en xeral.
O espectáculo toma como pretexto, desde o punto de vista argumental, as famosas master class que María Callas impartiu na afamada academia neoiorquina Juilliard, ao remate da súa vida artística. O autor do texto, Terrence Mc.Nally, transfórmao de maneira maxistral nun tour de force entre vida privada e artística, creando un conflito de innumerables matices no que a sabedoría da personaxe e a riqueza das súas vivencias forman un xeito de catarse na que se ven envoltos todos os participantes na cerimonia da representación: público, actores, cantantes...
Bengala Produccións asume este proxecto como un desafío profesional no que a capacidade de acción vén dada pola utilización de todos os elementos artísticos e técnicos ao seu alcance, tomando como punto de partida máis importante a elección do elenco artístico. Ademais da protagonista, Mabel Rivera, a montaxe conta cun reparto de gran nivel, no que figuran actores da talla de Lino Braxe ou María Torres. Para os papeis líricos acudiron a cantantes de traxectoria contrastada como Julia Cea e Enrique Martínez, cunha carreira internacional recoñecida.
A dirección de escena corre a cargo de Xosé M. Rabón, e o deseño escenográfico de Xosé Méndez (Escenoset) profesional con recoñecido prestixio en todo o estado. Todo o proceso de produción circunscríbese á comunidade de Galicia: tanto a construción da escenografía como a elaboración do vestiario, o atrezzo, o deseño de iluminación e os ensaios, de maneira que todo o proceso pode ser controlado en todo momento pola produción executiva.
‘Master class’
Elenco:
Mabel Rivera (María Callas)
Lino Braxe (pianista , Manny)
María Torres (primeira soprano, Sophie)
Julia Cea (segunda soprano, Sharon)
Enrique Martínez (tenor, Tony)
Dirección: Xosé M. Rabón
Venda de entradas: en www.servinova.com e no despacho de billetes telefónico 902 504 500.
Poden consultar os prezos e a política de bonificacións en www.servinova.com.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















