En total son arredor de 55 lenzos e debuxos que abranguen dende 1894 (co ‘Retrato de Gala Murguía’, de Ovidio Murguía) ata 1952 (cun ‘Autorretrato’ de Laxeiro), e que acollen tamén “a tensión entre a caducidade e a memoria, entre a manifestación do efémero e a vontade de permanencia”, en palabras do comisario.
“A través do retrato”, di López Bernárdez no substancioso catálogo, “fica reflectido non só o proceso de modernización formal senón tamén o de configuración da identidade das persoas no período que tratamos, e é un espello do consumo artístico e do ascenso social de novos sectores”.
A estrutura da exposición, cronolóxica, soporta unha tese que se pode estender fóra dos límites do xénero do retrato: na arte galega das primeiras décadas do século XX hai dúas actitudes fronte a representación da realidade, o ideal de evasión en contraste co enfrontamento máis rotundo co real.A arte galega deste tempo ofrece “unha pluralidade de propostas e posturas, dende o retrato inscrito nas correntes clasicistas e rexionalistas (Álvarez de Sotomayor, Llorens), simbolistas (Corredoyra) ata o uso deste como transmisor da mensaxe plástica da modernidade (Carlos Maside, Laxeiro, Cándido Fernández Mazas...), que mesmo pode inserir contidos sociais”, explica López Bernárdez.
O percorrido organízase derredor de tres bloques históricos: o cambio de século, as primeiras décadas do XX e un terceiro e meirande epígrafe que inclúe a guerra e a posguerra. O punto de partida, como en xeral o da pintura galega moderna, hai que situalo na segunda metade do XIX, “na que asistimos á chegada a Galiza dunha serie de pintores que exercen como profesores nas novas Escolas de Artes e Oficios: José María Fenollera, Mariano Tito Vázquez, Román Navarro ou Ruíz Blasco, pai de Picasso”, que traen ao país as correntes e influencias europeas e que coincide “cun importante desenvolvemento cultural e intelectual que o Rexurdimento literario favorece”.
Son anos dun primeiro e tímido realismo social, da Xeración Doente de Parada Justel (1871-1902) e Jenaro Carrero (1874-1902), de Ovidio Murguía (1871-1900) e as súas paisaxes, de Joaquín Vaamonde (1874-1900) e, como figura sobresaliente, de Fernando Álvarez de Sotomayor (1875-1960).
Coinciden nestes anos outros artistas moi importantes, como Benigno Pereira Borrajo (1874-1961), Enrique Campo (1890-1911), Felipe Bello Piñeiro (1886-1952) e Francisco Llorens (1874- 1960); Germán Taibo (1889-1919), Roberto González del Blanco (1887-1957), Carlos Sobrino (1885-1978); Camilo Díaz Baliño (1889-1936); Juan Luis López (1894-1979) e Xesús Corredoyra (1887-1939), e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950).
Nun segundo epígrafe, nos anos vinte e trinta, “o retrato galego non é alleo ás mudanzas do xénero no contexto internacional, remudado por vías diversas: primitivistas; expresionistas (Castelao, Arturo Souto); por influxo ou analoxía coa Nova Obxectividade alemá e a pintura italiana ou pola influencia da utilización da fotografía”, aclara o comisario da mostra.
Nesta altura non pode sorprender “a importancia do retrato tendo en conta que a identidade é un dos grandes temas da modernidade”. Obras mestras de Laxeiro (1908-1996), Carlos Maside (1897-1958), Manuel Torres (1901-1995), Arturo Souto (1902-1964) ou Manuel Colmeiro (1901-1999), entre outros, levarán aos que visiten esta mostra por uns anos moi fértiles para a historia da arte galega.
Un derradeiro capítulo trátase no catálogo co título ‘Cicatrices de guerra’: “É ben coñecida a fractura que para a nosa cultura supuxo a Guerra Civil e o triunfo do franquismo, co asasinato de artistas como Camilo Díaz Baliño, Luís Huici ou Francisco Miguel, o exilio de Castelao, Colmeiro, Souto, Seoane ou Maruja Mallo, e mais o penoso exilio interior e a loita pola supervivencia de creadores como Mario Granell, Maside, Torres ou Laxeiro”. Na posguerra, “no interior e nun primeiro momento”, vai dominar unha retratística involucionista e fortemente pegada á tradición. Pero é tamén nestes anos cando, fronte esa regresión duns, outros conseguen levar o retrato ao límite, dende unha modernidade internacionalista, surrealista ou informalista, con obras de artistas como Eugenio Granell, Maruja Mallo ou Laxeiro.
Cada unha das distintas posicións fronte á guerra e á ditadura ten a súa tradución na maneira de pintar e nos temas retratados, nunha época na que a pintura galega, feita dentro ou fóra do país, acada cotas poucas veces alcanzadas.
‘Faces do país. O retrato en Galicia 1890-1950’
Centro Social Novacaixagalicia Pontevedra
Augusto González Besada, 2
Do 2 de decembro ao 29 de xaneiro



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















