hemeroteca
Enlaces
Los blogs de nuestros colaboradores
Propón un blog

Novacaixagalicia presenta as súas propostas para Pontevedra no 2012 no apartado de música clásica, lírica e danza

Cultura.es

smaller text tool iconmedium text tool iconlarger text tool icon
6141886 O Auditorio de Novacaixagalicia en Pontevedra acollerá durante o primeiro semestre do ano un completo programa de espectáculos no apartado de música clásica, lírica e danza. Corella Ballet, Eleonora Cassano e a gala ‘Os virtuosos da danza. De Nijinski a Pina Baush’ son as propostas coreográficas, que se completan cos concertos do afamado pianista granadino Javier Perianes, a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Sinfónica de Galicia e a representación da zarzuela ‘La del manojo de rosas’.

 

A entidade iniciou a venda de abonos para asistir ao sete espectáculos previstos, que se poderán adquirir até o día 15 de xaneiro a través das canles habituais: www.servinova.com e o despacho de billetes telefónico 902 504 500. A compra do abono supón un desconto do 10% respecto ao prezo individual de cada función.

A danza de Corella Ballet abrirá a tempada, con dúas funcións os días 23 e 24 de xaneiro. A compañía, creada en 2008 pola Fundación Ángel Corella co obxectivo de promover a danza clásica en España, porá en escena un programa mixto composto pola ‘Suite de Raymonda’, coreografía orixinal de Marius Petipa e A. Gorsky, ‘For 4’, de Chistopher Wheedon e ‘Soleá pas de deux’, de María Pagés.

O 9 de febreiro tomará o relevo a Orquestra Sinfónica de Galicia, que chegará á cidade acompañada nesta ocasión polo magnífico fagotista Steve Harriswangler. Dirixida polo mestre Lothar Zagrosek, interpretará un programa que inclúe ‘A gruta de Fingal (As Hébridas)’, de Felix Mendelssohn; ‘Concerto para fagot’, de André Jolivet; ‘Suite imaginaire’, de Jean Philipe Rameau, e a ‘Sinfonía nº 8 en fa maior Op.93’, de Ludwig Van Beethoven.

O mes de marzo acollerá dúas propostas. O día 8 será a quenda de Eleonora Cassano, bailarina cunha longa traxectoria no mundo da danza, que se despide dos escenarios co espectáculo ‘Chapeau!’. Trátase dun programa dobre integrado por ‘Carmen’, unha historia de amor e paixón coreografiada por Alberto Alonso, con música de G. Bizet e R. Schendrin, e ‘Entre Tangos e Milongas’, unha coreografía de Gustavo Mollajoli, que inclúe o pas de deux ‘A Buenos Aires’.

O día 23 dese mesmo mes o protagonismo será para a outra orquestra de referencia do país, a Real Filharmonía de Galicia, que acode a Pontevedra baixo a dirección de Antoni Ros Marbà. Estará acompañada pola violinista Arabella Steinbacher para interpretar un repertorio composto por obras de B. Goldschmidt, Brunch, X. de Paz e Prokokiev.

A zarzuela ‘La del manojo de rosas’ é a proposta de Novacaixagalicia para abril. Este sainete lírico en dous actos, con música de Pablo Sorozábal e libro de Francisco Ramos de Castro e Anselmo C. Carreño, porase en escena no auditorio pontevedrés o día 14.

O día 29 de maio chegará á cidade a gala ‘Los virtuosos da danza. De Nijinski a Pina Baush’, unha homenaxe ás grandes figuras da danza do século XX a través dalgunhas das obras que formaron parte do seu repertorio. Marta García e Orlando Salgado dirixen este elenco de recoñecidos bailaríns entre os que se atopan grandes estrelas de compañías como o Ballet Nacional de Cuba, o Ballet Estatal do Teatro da Ópera de Bashkirian, o ballet Estatal do Teatro da Ópera do Cairo ou a Compañía Sanpapié de Italia.

Para finalizar a tempada, o 20 de xuño visitará Pontevedra uno dos máis brillantes pianistas españois dos últimos tempos, o granadino Javier Perianes. Este alumno de Daniel Barenboim foi apadriñado artisticamente por Zubin Mehta, co que actuou o pasado verán no prestixioso Festival de Lucerna xunto á Filarmónica de Berlín. Perianes pode ser considerado o herdeiro do gran pianismo español, que entronca con Albéniz, Alicia de Larrocha ou Joaquín Achúcarro.

Os abonos para a tempada completa ou para a primeira parte da tempada, que inclúe as actuacións de Corella Ballet, a Orquestra Sinfónica de Galicia e Eleonora Cassano, poden adquirirse até o 15 de xaneiro a través das canles habituais: www.servinova.com e o despacho de billetes telefónico 902 504 500. As entradas soltas poranse á venda o día 17 de xaneiro.

En la fotografía principal: Javier Perianes

Escribir un comentario