hemeroteca
Enlaces
Los blogs de nuestros colaboradores
Propón un blog

O Ateneo de Pontevedra presenta este xoves a novela Premio Xerais 2011, "Extramunde", de Xavier Queipo

Cultura.es

smaller text tool iconmedium text tool iconlarger text tool icon
bghhh O Ateneo de Pontevedra presenta o Premio Xerais de Novela 2011 Extramunde, de Xavier Queipo, publicado por Edicións Xerais de Galicia. O acto terá lugar este xoves 2 de febreiro, ás 20 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás. O autor estará acompañado por Manuel Bragado (director de Edicións Xerais de Galicia). 

Sobre Extramunde

Extramunde narra, co alento prendido nas entrañas, unha viaxe alucinada que vai da freguesía de San Andrés deica a illa de Borneo, pasando por Senegal, Camerún, o Cabo de Boa Esperanza, Mozambique, a illa de Madagascar, a badía de Trincomalee, as illas de Anamán e o estreito de Malaca. Unha novela que retrata o poder omnímodo da Igrexa nos tempos escuros da Inquisición e a navegación polos océanos Atlántico e Índico na procura de mundos afastados, para rematar nun poboado da tribo dos Dayaks, os cortadores de cabezas. Extramunde, escrita nunha prosa coidada, engaiolante, por veces vertixinosa, supón a culminación dun soño: a negación da diferenza, a procura da liberdade. Dividida en catro seccións, cada unha cun ritmo e cun alento diferenciado, admite varios niveis de lectura, pois é, ao mesmo tempo, novela de aventuras, de viaxes e de pausada reflexión. Unha novela que non vai deixar indiferente a quen se adentre no proceloso mar da escrita de Queipo.

Sobre o autor

Xavier Queipo (Compostela, 1957). Licenciado en Bioloxía, e licenciado en Medicina e Cirurxía. Desde 1989 vive e traballa en Bruxelas. Comeza a escribir en 1990 e publica regularmente en galego. É autor, entre outros libros, de Ártico e outros mares (relatos, 1990); Ringside (relatos, 1993), O Paso do Noroeste (novela, 1996); Malaria sentimental (novela, 1999); Papaventos (Xerais 2001, novela); O ladrón de esperma (Xerais, 2001, relatos); Os ciclos do bambú (relatos, 2003); Glosarios (poesía, 2004); O espello e o dragón (Xerais, 2005, literatura infantil); Dragona (Xerais, 2007, novela); Caderno da Revolución Cultural (crónicas radiofónicas, 2007); Saladina (novela, 2007); Felices e diferentes (crónicas radiofónicas, 2009); A illa dos cangrexos violinistas (literatura infantil, 2009); Cartas marcadas (ensaio, 2010); Ártico 2.0 (relatos, 2011) e Extramunde, Premio Xerais de Novela 2011. Membro do Dichterscollectif van Brussel desde 2007. Recibiu varios premios en Galicia e o Premio da Crítica española en 1991. Ten participado en numerosos libros coletivos e antoloxías, traduciu do francés ao galego a Amin Maalouf e Hervé Guivert, e do inglés a Conrad e Joyce.

Escribir un comentario