hemeroteca
Enlaces
Los blogs de nuestros colaboradores
Propón un blog

O Ateneo de Pontevedra presenta este xoves dous libros de relatos no Palacete das Mendoza

Cultura.es

smaller text tool iconmedium text tool iconlarger text tool icon
bhhhhh   O Ateneo de Pontevedra presenta os libros de relatos "O bestiario máxico do abade Eliseo e outras narracións insólitas", de Francisco Rozados “Rochi” (X Premio de Narrativa Ánxel Fole), e "Ventos de nostalxia. O cerne das verdadeiras emocións", de José Raposeiras Correa. No acto de presentación, que terá este xoves 1 de decembro, ás 20 horas, no Salón de Actos da sede Turismo Rías Baixas, acompañan aos autores, Xosé Luna (mestre, escritor e director de Edicións Fervenza) e Carlos Loureiro (mestre, escritor e tradutor). 

Sobre O bestiario máxico do abade Eliseo e o autor

Recolle o premio de narrativa Anxel Fole X edición, co relato que dá título á obra, unha composición que o xurado do premio Anxel Fole cualificou coas seguintes palabras: “Do relato gañador, O Bestiario máxico do abade Eliseo, do pontevedrés Francisco Rozados, destacaron "o discurso cunqueirán, a súa riqueza de vocabulario e a súa calidade literaria". Trata das visións que ten un frade do Monteiro de Verdevila cando contempla os capiteis da abadía, o que lle fai elucubrar e recrear un bestiario de seres espirituais e cheos de sorpresas na súa relación cos humanos. Outros relatos teñen un cariz tamén máxico e lendario e todos enlazan coa tradición oral máis ou menos recreada.

O texto comeza deste xeito: “Frei Eliseo Xabriño rexeu os destinos do mosteiro de Verdevila nos anos que van dende o 1818 ó 1827, sucedendo a frei Alonso de Roade e precedendo a frei Pedro de Viana. Frei Eliseo tiña unha moi particular teoría sobre Trasdomonte, a bisbarra a onde pertencía Verdevila, que concibía, nun delirio cosmogónico moi orixinal, independente do mundo que a circunvalaba. Para frei Eliseo, Deus separara a creación de Trasdomonte da do resto do mundo. Así o deixou plasmado nun manuscrito...”.

bhhhhh

Outra particularidade do libro é que cada un dos relatos vai ilustrado por un pintor, ilustrador ou debuxante distinto, que son Xosé María Barreiro, Belisaria Fiestras, Fran Ameixeiras, Héitor Pícallo, Antón Sobral, Lara Porto, Pancho Rodiño, José Luís Mora, Scorpio, Muras e Manuel Fragoso, que é o autor da ilustración da portada.

Autobiografía de Francisco Rozados “Rochi”

Nacín na parroquia de San Martiño de Forcarei, no concello de Forcarei, cabeceira da Terra de Montes. Corría o ano 1963. "Sufrín", polo tanto, a maior parte da educación primaria aínda co réxime de Franco. O ano en que morreu Franco e España pasou a mellor vida, entrei interno nun colexio relixioso, en Monforte de Lemos (o chamado Escorial Galego, os Escolapios). Estiven interno en dous colexios máis durante o bacharelato, en Santiago e en Marín, e unha vez que rematei o C.O.U. estudiei Xeografía e Historia na universidade de Santiago. Daquela, no ano 1981 —cando comecei— estábase aprendendo a vivir en democracia. Hoxe, por sorte ou por desgracia, pódese constatar que aínda seguimos aprendendo.

Hoxe traballo de xerente dun programa de desenvolvemento rural e son concelleiro de cultura do meu concello (pódense ver textos e fotografías da miña autoría na páxina www.forcarei.net). Fundei e coordino a revista cultural municipal COTAREDO, na que colaboraron, entre outros Antón Fraguas, Ernesto Viéitez, Xosé Luis Barreiro e o gaiteiro Carlos Núñez (esta revista pódese baixar tamén da páxina web de Forcarei). Escribo para fuxir de non sei moi ben qué, coma todos, e porque a escrita é un xeito de catarse —e tamén de decatarse—. Ás veces escribo ficción (Memoria de Trasdomonte - Edicións Fervenza), noutras ocasións atrévome coa biografía (Chano Piñeiro - Edicións Fervenza) e noutras aconsello ós visitantes que se achegan ó meu concello e á miña comarca (Forcarei, no berce do Umia e do Lérez - Concello de Forcarei (1991), Forcarei. Historia fotográfica do século XX - Deputación Provincial (2005) ou Guía da Terra de Montes - Everest (2000). As miñas paixóns son o cinema (Tarkovski, Bertolucci, Coppola, Imamura, Tod Browning, Eliseo Subiela e, por suposto, Chano Piñeiro), o humor (G. Marx, W. Allen, Les Luthiers, Monty Python, Jacques Tati), os espellos e a banda deseñada Marvel dos anos setenta (que en España publicaba a editorial Vértice). Os meus personaxes históricos predilectos son Chaplin, Dalí e Amenofis IV. Colecciono versións distintas (en banda deseñada e en novela) de Robinsón Crusoe, a obra de Defoe. Se me teño que quedar con unha película dubidaría entre o "Novecento" de Bertolucci e a "Balada de Narayama", do xaponés Shohei Imamura. Escribindo, engaiólanme Borges, Kundera, Cela, Luis Pimentel e Bieito Iglesias Araúxo —que me parece o mellor escritor galego na actualidade—. Fun amigo e sigo sendo admirador do artista e da persoa que foi Chano Piñeiro e identíficome con algo que Chano repetía con frecuencia: "Eu, para ben ou para mal, son un aldeán".

PREMIOS QUE OBTIVEN:

- Premio "Camilo José Cela" de Narrativa (2001) —XII edición— pola narración "Unha campa na congostra de Rebordechao".

- Premio "Reimóndez Portela" de Xornalismo (2001) —VI edición— pola colaboración xornalística "Ler ou non ler, esa é a cuestión", publicado na Voz de Galicia.
- 2º Premio "Anxel Fole" de Narrativa (2006) -VIII edición- pola narración "A Muller que non comía".

- Premio "Manuel Oreste" de Narrativa (2006) -XI edición- pola narración "Raiolas no faiado".

- Premio "Concello de Marín" de Narrativa (2006) -IX edición- pola narración "O Empeine".

- Premio "Xoán de Cangas" de Novela Curta (2006) -I edición- pola narración "O transparente, cronosférico e omníglota segredo de don Amaro Loureiro e a súa alma perdida e recobrada".

-      1º Premio "Ánxel Fole" de Narrativa (2008) -X edición- pola narración

"O bestiario máxico do abade".

Sobre Ventos de nostalxia e o autor

José Raposeiras baseouse en experiencias e feitos reais recollidos dos testemuños de persoas de Terra de Montes para a elaboración do seus relatos novelados.

José Raposeiras Correa ven de autoeditar o libro titulado Ventos de nostalxia. O cerne das verdadeiras emocións. Trátase dunha obra “en perspectiva novelesca, narrada en primeira e en terceira persoa, por boca do autor e do protagonista principal, Nacho da Cancela”.

O autor destaca que “está baseado en experiencias ou en relatos curtos de acción, contados por persoas do rural de Terra de Montes”. No libro, recóllense “aspectos obxectivos e subxectivos, baseados en feitos reais, en paisaxes, que serían a alma mater da obra, con emoción e con sentimento, pero convenientemente disfrazados para que non se parezan nada á realidade”.

Sobrevoa toda a obra é o tema da emigración, “latente en todos os recunchos do libro”. Algúns dos relatos fan unha alusión máis directa a ese tema, como Camiño da escola: que recolle “o encontro dun neno co seu pai, ao que viu por primeira vez nun camiño rural. Iso foi un feito real e é precioso. Cando o escribía e cando o leo, aínda é o día en que me emociono e choro”.

Nacho, o protagonista do libro, “é coma se fosen tres personaxes, desde a infancia ata a morte, que conflúen contando vivencias na nenez, relatos familiares de emigración.... e aquí fago reflexións de tipo psicopedagógico, pola miña profesión, pois o meu mundo é a educación, formulándome preguntas como por que valoramos tanto o ter en vez do ser. Tamén se denuncian feitos como o consumismo esaxerado”.

Paisaxes e nomes de lugares e parroquias tamén o inspiraron para esta obra.

Biografía breve

José Raposeiras Correa, nado en San Miguel de Presqueiras (Forcarei), é un profesor e escritor galego. Doutor en Psicoloxía da Comunicación pola Universidade de Vigo, é catedrático de Orientación Educativa na mesma Universidade. Foi presidente da Asociación de Amigos de Terra de Montes. Vén de editar Ventos da nostalxia. O cerne das verdadeiras emocións, 2011.

Datos biográficos de Xosé Luna e Carlos Loureiro

Xosé Luna: Mestre no colexio do Foxo (A Estrada), escritor e editor, director de Edicións Fervenza. Entre as súas publicacións cómpre destacar: A ESTRADA ROMÁNICA, MEMORIAS DO CAIRO (premio de poesía Avelina Valladares), O ANO DAS MIMOSAS ou AS COMETAS DA VIDA.

Carlos Loureiro: Escritor, tradutor e mestre no Instituto García Barros da Estrada. Autor de: A ESTRADA, IMAXES PARA A LEMBRANZA; DICIONARIO DE ESCRITORES DE TABEIRÓS – TERRA DE MONTES ou DOS MEUS RECORDOS. Tamén é o autor da tradución ó galego da obra AS FALSAS CONFIDENCIAS, do francés Marivaux.

Escribir un comentario