O acto de inauguración da exposición, que tivo lugar na sede do Parlamento rexional de Kiel, contou coa participación do conselleiro de Cultura do Estado federado de Schleswig-Holstein, Ekkehard Klug, e do responsable do CEG de Kiel e catedrático desta universidade, Javier Gómez Montero. O barítono Antoni Rossel foi o encargado de ofrecer un concerto de cantigas, romances e cancións de peregrinación.
Durante o acto, o CEG de Kiel tamén presentou un caderno sobre as linguas do Camiño, entre as que se inclúen o frisio, o baixo-alemán, o occitano e o galego. A publicación recolle textos escritos por peregrinos do Norte de Alemaña, pequenos ensaios sobre rutas xacobeas nos países escandinavos e traducións ao inglés e ao alemán de textos literarios escritos en galego por distintos autores, como Manuel Rivas ou John Rutherford. Este material pode descargarse na páxina web do proxecto: www.camino-eu.com.
Unha exposición para descubrir a riqueza do Camiño
Un total de nove paneis conforman esta exposición que pretende amosar a diversidade lingüística e cultural existente en Europa. Para isto, inclúe diversos materiais acerca dos idiomas dos territorios que atravesan o Camiño e que dan boa mostra da riqueza idiomática que conflúe no seu contorno.
A exposición, ademais, presenta dous monitores. Neles, o viaxeiro ten a oportunidade de visualizar diferentes fotografías en torno ás tradicións, ás paisaxes e á gastronomía, entre outros aspectos, das diferentes entidades que participan no proxecto, mentres escoitan música dos diversos lugares. Ao mesmo tempo, o visitante poderá probar o seu coñecemento sobre o Camiño de Santiago e a súa diversidade a través de diversos xogos.
O punto máis dinámico da mostra pono o panel interactivo, a través do cal os visitantes poderán deixar os seus comentarios, intereses ou opinións para o web do proxecto. Completan a exposición unha pequena guía idiomática para os visitantes, coa que poderán dar os seus primeiros pasos nos diferentes idiomas do proxecto, e un pequeno relato en torno ao Camiño, escrito por Toti Martínez de Lezea.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















