Els Comediants e Tricicle, dúas das compañías máis celebradas da historia escénica española das últimas décadas, presentarán os seus espectáculos máis recentes en Pontevedra dentro da programación cultural de Novacaixagalicia.
O Centro Social da primeira entidade financeira galega nesta cidade converterase nos próximos meses nun dos epicentros da actualidade cultural, cun programa de máis de medio centenar de propostas “co que queremos manter o esixente nivel dunha cidadanía historicamente entregada á cultura”, explica Guillermo Brea, director da Obra Social Novacaixagalicia.
Espectáculos de danza, musicais, cursos de arte, música clásica e popular, maxia e até circo, figuran nun intenso calendario no que destacan as citas teatrais, con Tricicle (o 27 e 28 de setembro, presentando ‘Garrik’) e Els Comediants (o 11 de outubro, con ‘Perséfone’) como principais referencias.
Xunto a eles, grandes nomes do teatro español como Juan Luis Galiardo (con ‘El avaro’, de Moliere, o día 29 de outubro), Tomás Gayo (que dirixe e interpreta ‘La familia de Pascual Duarte’, o 11 de novembro), Yllana (co ‘Pagagnini’ de Ara Malikian, o 13 de novembro), María Barranco ou Luis Merlo (con ‘Tócala otra vez, Sam’, de Woody Allen, en versión de Tamzin Townsed, o 24 de novembro), e a compañía galega Lagarta Lagarta, con ‘Unha hora na vida de Stefan Zweig’, o 21 de outubro.
O escenario do Centro Social pontevedrés acollerá outros espectáculos veciños deste xénero. O primeiro, o vindeiro sábado, día 3 de setembro, será o musical ‘Premiere’, un percorrido pola historia do inmenso folclore ruso. Outro musical, ‘Forever King of Pop’, estará na cidade a partir do próximo 16 de setembro, con cinco funcións en tres días.No epígrafe dedicado á danza, chegarán a Pontevedra a Compañía Antonio Gades (que porá en escena ‘Bodas de Sangre’ e ‘Suite Flamenca’ o 30 de setembro) e o Ballet de San Petersburgo (o 2 de decembro, co navideño programa ‘Quebranoces’), mentres que os afeccionados ao ilusionismo e a maxia poderán gozar dos espectáculos de Anthony Blake, o venres 7 de outubro, e o ilusionista pontevedrés Pedro Volta (o 3 de decembro).Fóra da área escénico, a Obra Social Novacaixagalicia programou en Pontevedra as actuacións da Orquestra Sinfónica Estatal Rusa (o 20 de outubro), a extraordinaria pianista Marta Zabaleta (o 27 de outubro) e a Orquestra Sinfónica de Galicia (o 3 de novembro). A popular cantante canaria Rosana completa a sección musical cun concerto previsto para o día 26 de novembro.
Exposicións de artes plásticas (a primeira, o próximo 14 de setembro, coa obra do pintor pontevedrés Manuel Pesqueira ou a dedicada ao retrato galego, con fondos da colección de arte da caixa e importantes institucións museísticas de Galicia) e cursos de arte completan unha programación que terminará os últimos días de decembro con ‘A festa escénica’, un espectáculo a medio camiño entre a proposta de Cirque du Soleil e os circos tradicionais.Fotografía principal: 'Perséfone' de Els Comediants.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















