Era unha proba importante para a organización e a Federación de Comercio de Vigo pero Stockaxe 2010 acadou os obxectivos marcados para esta terceira edición. Máis de 25.000 visitantes achegáronse ao Recinto Feiral de Vigo, unha cifra que iguala á da pasada edición e que consolida a esta cita no calendario vigués. A cifra de facturación tamén se mantivo, achegándose ao millón e medio de euros. Os expositores amosáronse moi satisfeitos pola afluencia de público e polas vendas, e mesmo algúns tiveron que recoller máis mercancía para a xornada dominical.
Os que decidiron visitar este salón de liquidación de stocks preferiron as horas da tarde tanto o sábado coma o domingo, malia que as mañás tamén foron bastante fortes, cunha media de 3.000 visitantes nas primeiras horas de compras. Na xornada de onte, e a partires das cinco, a organización tivo que derivar aos vehículos que se achegaban ao recinto cara a parte superior do aparcadoiro xa que as prazas da explanada inferior estaban completamente ocupadas. O persoal situado na venda de entradas tampouco parou de traballar, principalmente o domingo.
O servizo de ludoteca e os inchables foron os mais valorados e demandados polos visitantes, que mesmo aconsellaron ampliar máis este espazo para a vindeira edición. De feito, máis de 500 cativos pasaron pola gardería da feira, e outros tantos polos inchables, onde debuxaron, pintaron a cara e aprenderon a traballar con globos.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo concelleira de Vías e Obras, Isaura Abelairas e polo responsable de Distritos, Ángel Rivas, visitaron tamén o pavillón 2 do recinto feiral de Cotogrande para coñecer de primeira man o avance do salón. O rexedor municipal realizou un amplo percorrido pola feira e mesmo fixo un alto para recuperar folgos na cafetería do recinto e continuar así coas obrigas da xornada dominical.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















