A Fundación Celta de Vigo amplía o mapa dunha das súas actividades máis emblemáticas, os campus de fútbol, ao Concello de Mos, onde desenvolverá esta iniciativa a partir do próximo verán, segundo establece o convenio de colaboración asinado esta mañá pola alcaldesa desta localidade, Nidia Arévalo, e o director da Fundación celeste, José María Goicoa. "Haberá un antes e un despois para a actividade deportiva en Mos", afirmou a alcaldesa.
O director da Fundación Celta de Vigo, José María Goicoa, destacou que "nesta situación de crise na que os presupostos de institucións, empresas e fundacións son cada vez máis reducidos é un pracer presentar este convenio co que imos tratar de aproveitar as sinerxias, é dicir, o Concello de Mos achega as súas instalacións deportivas e a Fundación o seu saber facer cos técnicos das súas escolas e campus".
Precisou que "o convenio consiste en que o Concello de Mos cede as súas instalacións e nós celebraremos un campus de verán e inverno para achegar o deporte e os seus valores aos nenos desa localidade".
Pola súa banda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, quixo "agradecerlle ao Real Club Celta, ao seu presidente e directiva, que nos desen esta oportunidade nun momento difícil economicamente falando, no que ao Concello por si só lle resulta imposible poñer en marcha unha actividade tan interesante como un campus".
"Como alcaldesa, e en nome de todo o equipo de goberno, quero expresar a miña satisfacción por poder anunciar que os nenos e nenas de Mos van ter a oportunidade de participar nestes dous campus a un custo practicamente inexistente", engadiu.
Escribir un comentario