A praia de Samil acolle dende hoxe e ata o 31 de xullo a serie de probas do programa Vigoarena, que desenvolverá actividades deportivas co patrocinio da Concellería de Deportes e a organización de Evento Global. Fútbol praia, tenis praia, foot voley, balonmán praia, voley praia e cachibol encherán de competición o principal areal vigués. Na edición de 2010 houbo 1.500 participantes e este ano os organizadores esperan repetir esa cifra.
O programa iníciase cun campionato valedoiro para o circuíto nacional de voleibol praia. A proba viguesa é unha das seis que se disputan en toda España. Os números un do ránking nacional tomarán parte da competición. Moitísimos xogadores procedentes de todos os puntos da xeografía nacional danse cita en Vigo para disputar un dos torneos máis prestixiosos do calendario estival. A proba desenvolverase dende este venres ao domingo 10.
Xixón, Vigo, As Palmas, Melilla, Cádiz e unha proba por determinar en Cataluña forman parte do calendario oficial puntuable para acceder á final que tamén se disputará en Cataluña nunha localidade aínda por determinar.
Hai máis de dez anos que unha proba do Nacional non chega a Vigo e máis de sete que Galicia non acolle unha destas competicións polo que o evento adquire unha maior transcendencia. A motivación será moita posto que non só están en xogo puntos importantes para acceder á final en Cataluña senón que hai 6.000 euros en xogo, 3.000 para a categoría masculina e 3.000 para a feminina.
Escribir un comentario