Organizado pola Sociedade Iberoamericana de Psicoloxía do Deporte, SIPD, e pola Unidade de Psicoloxía do Deporte de Galicia en colaboración coa Universidade de Vigo e co Concello de Pontevedra, o congreso busca xerar un punto de encontro entre os profesionais do mundo deportivo e os principais avances que se están dando na psicoloxía do deporte “para que todos os asistentes poidan coñecer como se está a traballar a parte mental no alto rendemento e cales son os novos ámbitos de investigación en este eido”, comentou o presidente do comité organizador. Así, adiantou algunhas das técnicas mentais das que se debaterán durante as xornadas, como o coaching, “que cada vez está máis de moda”, técnicas de biofeedback, “ou como empregar aparellos para traballar a mente” ou formas de intervención psicolóxica peculiares, “dentro dos vestiarios, dos box de Fórmula 1...”.
Psicoloxía para adestradores e para deportistas
Esta segunda edición do Congreso galego-portugués de Psicoloxía da Actividade Física e do Deporte contará con dúas partes ben diferenciadas, dedicando o primeiro día á preparación mental dos adestradores e a segundo á dos deportistas. A conferencia inaugural virá da man de Luis Casáis, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, “que grazas ao seu dobre papel de adestrador e de psicólogo, afondará en aplicacións mentais dende o seu rol", aclarou o presidente do congreso.O evento, ademais de catro relatorios e catro simposios, inclúe a organización de dúas mesas redondas, “unha destinada para os adestradores e outra para os deportistas”, puntualizou Dosil. A primeira, ademais da presenza do pai de Jorge Lorenzo, contará coa intervención de Alberto Argibay, ex adestrador do Pontevedra FC e representante deportivo, “que disertará sobre a forma de traballar na mente dos xogadores en cada un dos casos”, e de adestradores de atletas en etapa de iniciación. Aínda está por confirmar a asistencia de Paco Herrera, adestrador do RC Celta de Vigo.
Na segunda mesa redonda, dedicada aos deportistas, participará o ex ciclista Óscar Pereiro, “que desvelará aqueles recursos mentais que emprega na súa vida deportiva”; o atleta Alejandro Gómez; o piloto de rallys, Luis Penido e Ignacio Iglesias Villanueva, único árbitro galego de fútbol en primeira división, “que contará como enfronta mentalmente os partidos e como é traballar baixo a presión do Camp Nou o do Bernabeu”, exemplificou Dosil. O congreso completarase con tres obradoiros prácticos polos que irán rotando os 200 participantes, “para que perciban en propia carne as sensacións de traballar aspectos mentais”. O secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Xosé Ramón Lete, impartirá o venres a conferencia de clausura.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















