Por outra banda, a Sociedade Ximnástica de Pontevedra acordou desprazar algúns metros a liña de saída e chegada. Será instalada na avenida de Montero Ríos, á altura do instituto Valle Inclán, onde se dispón dun espazo suficientemente amplo. Este pequeno cambio permite non interferir no recinto do programa de animación comercial “Sinte o Nadal”, que ocupa boa parte da praza de España.
A carreira celebra este ano a súa 28ª edición co reto de chegar aos 2.000 participantes, superando así os máis de 1.600 do ano anterior. A Sociedade Ximnástica e a Concellería de Deportes queren subliñar a obriga de inscribirse e correr con dorsal para facilitar a organización, por unha banda, e para evitar problemas de cobertura co seguro contratado, pola outra.
A proba popular, duns catro quilómetros, comezará a partir das 17 horas e non presenta grandes desniveis para facilitar que os atletas corran rápido e os afeccionados podan completalo sen problemas.
As inscricións xa están abertas e poden realizarse na web da Ximnástica. Tamén poden concretarse nas oficinas de iberCaja (rúa de Riestra), de 10 a 13 horas, durante os días 26, 27 e 28 e, finalmente, os días 29 e 30 na Casa do Turista, de 10 a13 horas e de 16,30 a 19,30 horas. Os dorsais poden recollerse nas mesmas xornadas e horarios nas oficinas de iberCaja ou na Casa do Turista, pero tamén é posible recollelos o mesmo día da carreira nas inmediacións do instituto Valle Inclán.
Haberá premios para os tres primeiros clasificados masculino e feminino, co habitual lacón para os gañadores. Celebrarase tamén un sorteo entre os participantes. Finalmente, haberá agasallos para todos os que finalicen.
A proba, organizada conxuntamente pola Ximnástica e o Instituto Municipal de Deportes, conta por primeira vez co patrocinio de iberCaja, ao tempo que continúa o habitual apoio de Froiz, Coca-Cola e Cruz Vermella.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















