Un total de 25 aspirantes a árbitro nacional de loitas olímpicas estarán en Pontevedra este sábado para participar no único Clínic que se vai celebrar en España e está homologado para o ascenso nacional para o ano 2012. Celebrarase no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e está organizado polo Colexio Nacional de Árbitros, o Colexio Galego de Árbitros e Xuíces e a Concellería de Deportes.
Ángel Amor Villar, presidente do Colexio Galego, será encargado de dirixilo, mentres que a docencia correrá a cargo de varios xuíces galegos. A homologación acadouse despois de que o presidente teña acudido ao seminario nacional de reciclaxe nas instalacións do Consello Superior de Deportes, de Madrid o pasado mes de outubro.
Xa se pode anticipar que, grazas a este Clínic, Galicia será o vindeiro ano 2012, a comunidade con mais árbitros a nivel nacional.
O curso terá unha parte teórica e outra eminentemente práctica, polo que dende o comezo do mesmo as 12.00 horas ata a súa clausura as 20.00 horas, terán un traballo intenso.
Dende o Colexio Galego resaltan que un dos seus obxectivos é clasificar a un árbitro galego para os Xogos Olímpicos de Londres 2012. Diego Villanueva González é o candidato mellor posicionado. O vindeiro ano tódolos árbitros terán que pasar unha avaliación por parte da Federación Internacional (FILA), para acceder os postos de “Elixibles Olímpicos”.
Tenis feminino
Por outra banda, as xornadas do sábado e o domingo servirán para desenvolver a I Concentración de Tenis Feminino Galego nas instalacións de A Caeira, coa presenza destacada de Lourdes Domínguez, a mellor xogadora galega de todos os tempos, e Leticia Costas, xogadora nova e moi prometedora. Ámbalas dúas están no ranking WTA e ostentaron os postos 40 e 179, respectivamente.
A concentración, cun total de 32 prazas, está organizada polo Club de Tenis Pontevedra e a Federación Galega de Tenis co apoio da Concellería de Deportes. A actividade estará dirixida polas mellores adestradoras galegas e inclúe peloteo entre as dúas xogadoras entre elas, e tamén coas xogadoras participantes no Clínic.
O horario na xornada do sábado comeza ás 16.00 horas co acto de presentación. Ás 16.30 horas ofrécese o peloteo entre as invitadas coas rapazas da concentración, ás 17.30 horas xogan entre sí Lourdes e Leticia. A partir das 18.00 horas ábrense as portas aos medios de comunicación, mentres as participantes continúan o seu adestramento. Ás 20 horas, Lourdes e Leticia ofrecerán os seus consellos ás xogadoras noveis. Finalmente, entregaranse os trofeos durante o acto de clausura.
Tiro con arco
Finalmente, o sábado terá tamén lugar o XV Trofeo FGTA-Xunta de Galicia de Tiro con Arco. Está organizado polo Club Boa Vila e conta co apoio da Concellería de Deportes.
As competicións, para todas as categorías, cubrirán as modalidades de arco recurvo olímpico, arco composto, nu, tradicional recurvo e longbow. O horario será de 9.30 a 15.30 horas nas instalacións deportivas de Mourente do Casino Mercantil e Industrial. A entrega de trofeos celebrarase ás 20.00 horas.
Imagen principal: Lourdes Domínguez



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















