O “Junior Circuit” está formado por un conxunto de torneos que se disputan por todo o mundo e cuxos resultados determinan o ranking mundial junior elaborado pola ITF. Entre eles figuran Roland Garros, Wimbledon, Open US e o Australian Open. Participan uns 150 xogadores de entre 15 e 18 anos, que se preparan deste xeito para dar o paso cara o profesionalismo.
De cara á celebración do torneo pontevedrés, a organización debe correr cos gastos de estancia e manutención dos xogadores, que serán en torno a 150. O Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra está a traballar neste aspecto e hoxe obtivo o compromiso do apoio do concelleiro Agustín Fernández, toda vez que a posible achega municipal (aínda por concretar) consideraríase equilibrada ao respecto dos retornos estimados pola repercusión socioeconómica do evento.
Fernández subliña que o torneo atraería a máis de 200 persoas á cidade, tendo en conta a cifra de acompañantes e adestradores que se despraza cos xogadores, polo que impacto nos hoteis e a hostalería local nun mes de baixa ocupación será moi satisfactorio. O concelleiro louvou a idea do Casino Mercantil e lembrou que o Centro de Tecnificación Deportiva acolle a varios tenistas que terían tamén neste torneo unha oportunidade de medirse ás mellores “raquetas” do mundo.
O concelleiro de Deportes indicou que trátase do tipo de eventos que merecen apoio municipal polo seu apoio ao deporte de base, pola proxección turística da cidade e polo seu encaixe no que debe ser unha política municipal na que se estableza un calendario anual equilibrado, sostible economicamente e que alimente a forte vocación deportiva da cidade.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















