Escolas de motociclismo
Chicho Lorenzo participou na mesa redonda dedicada á formación mental dos adestradores, en compañía dos técnicos Juan Pablo Fernández e de Alberto Argibay. O pai de Jorge Lorenzo recoñeceu a importancia da preparación psicolóxica no motociclismo para o que botou man do sinistro que lle custou a vida a Marco Simoncelli, sinalando que o piloto italiano “non estaba facendo un traballo mental adecuado, xa que antes do fatídico accidente xa tivera outras caídas", puntualizou. Declarou que “a pesar do diñeiro que se move no motociclismo, a formación do piloto está na prehistoria”, pois non existe nin profesorado, nin instalacións, nin cultura para formarse antes de chegar a elite. “En motociclismo aínda non se emprega a figura do adestrador técnico”, explicou, de aí que o propio Chicho Lorenzo se estea encargando de abrir as primeiras escolas de formación de pilotos de motociclismo en España, unha iniciativa pioneira no mundo, coa idea de establecer unha en Pontevedra.
Pola súa banda, os seus acompañantes na mesa dende a súa experiencia profesional como adestradores, coincidiron con Lorenzo en que a preparación emocional dos e das deportistas é tan necesaria como a física ou a técnica. Fernández, adestrador de atletas, defendeu a postura de formar “dende un enfoque motivacional”, isto é, prepararse para un campionato non soamente coa mente posta nos resultados. Alberto Argibay relatou a súa experiencia como adestrador dende a base, o que lle serviu para aprender que o éxito ou o fracaso dun técnico “depende da súa capacidade de adaptación ás condicións dos xogadores e non da planificación que un leve de antemán”.
O adestrador, transmisor de condutas
Luis Casáis, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte con formación en psicoloxía, impartiu a conferencia inaugural na que expuxo os factores mentais que debe traballar un adestrador “para que sexa un impulsor do equipo e non un lastre”. De este xeito sinalou a influencia de usar a psicoloxía en positivo para que o adestramento consiga modalizar a conduta desexada nos xogadores. Para logralo, Casáis destacou catro variables psicolóxicas claves: o control das emocións, a atención e concentración, a crenza de éxito e as habilidades psicosociais, tendo moi claro “cando se debe castigar, cando recompensar ou cando pasar da forma de actuar dos seus xogadores”, engadiu o profesor. Iso si, Casáis advertiu que a aplicación da psicoloxía non é unha garantía directa de éxito nos resultados deportivos.
A segunda xornada do congreso estará enfocada á preparación mental dos e das xogadoras, contando coa intervención de deportistas de primeiro nivel que darán a coñecer os seus enfoques e experiencias no mundo da competición. O ex-ciclista Óscar Pereiro; Alejandro Gómez, referente do atletismo galego especializado en probas de fondo, e Ignacio Iglesias, único árbitro galego en Primeira División, serán algún dos convidados.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















