O evento foi presentado este xoves no Concello polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o director da Escuela-Club Pasos, Miguel Abreu. No acto estivo tamén presente o campión de España, Adrián Esperón. Ademais, ofreceuse unha breve exhibición a cargo das parellas formadas polos campións galegos Cristian Álvarez e Claudia Álvarez e por Fernando Lareu e Rocío Baquero.
O certame celebrarase no Pavillón municipal dos deportes a partir das 14,00 horas. A entrada terá un custo de 6 euros. A mellor hora para acudir será a partir das 16.30 ou 17.00 horas, momento no que comezarán as competicións de maior nivel, ata o remate coa entrega de premios, sobre as 21 horas.
Esta nova edición do Cidade de Pontevedra articularase, como sempre, en torno as exhibicións e competicións nas modalidades de “standard” (os bailes clásicos) e latino. Haberá categorías dende os 3 anos ata as parellas de máis de 60 anos. En canto ao nivel, o máximo chanzo estará integrado polos bailaríns dos niveis A e A Internacional. A competición contará con 5 árbitros internacionais e outros tres galegos, como árbitros en prácticas.
Agustín Fernández quixo destacar a importancia deste evento deportivo, nunha especialidade que cada vez conta con máis participantes. O concelleiro subliñou que o domingo haberá unha boa oportunidade de gozar da beleza estética do baile e de achegarse a un mundo no que cada vez máis xente se introduce como elemento de lecer.
Miguel Abreu destacou que estamos diante da competición máis antiga de Galicia e loubou o crecemento desta modalidade deportiva na nosa comunidade, tanto en número de participantes como en resultados a nivel nacional e internacional.
Ambos animaron ao público pontevedrés e galego a achegarse polo Pavillón o próximo domingo.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















