Un total de 254 nadadores procedentes de toda a comunidade autónoma, ademais dun grupo de madrileños e portugueses, participarán este domingo, día 5, no Campionato Galego de Natación Máster de Inverno. A proba, que chega con varias novidades, foi presentada no Concello polo responsable de Deportes, Agustín Fernández.
O concelleiro estivo acompañado dos presidentes dos clubs Pons Vetus, Loly Baglietto, e Galaico, Alfonso Gallego, ademais do presidente da Federación Galega de Natación, Carlos Touriño. Fernández amosouse dobremente satisfeito polo feito de que Pontevedra volva acoller unha proba deportiva de fonda repercusión social e pola colaboración que estrean os dous clubs de natación máis importantes da cidade.
As novidades chegan tamén pola celebración, por primeira vez, deste Campionato nas instalacións de Ponte Muíños. Hai varios precedentes, pero sempre na piscina de Campolongo. Ao dispor dunha piscina máis grande, simplifícase a organización dunha proba tan complexa, con tantos nadadores na auga e que, na modalidade de inverno, dispútase sobre un longo de 25 metros e dez rúas.
O concelleiro desexou que os nadadores pontevedreses obteñan os mellores resultados e agradeceu o labor do Pons Vetus e o Galaico porque, dixo, sen os clubs o Concello por si só, non podería encher todos os meses do ano cunha programación tan intensa como a que está a desenvolver.
Loly Baglietto adiantou que participan 21 clubs, entre eles catro portugueses e dous madrileños. Os dous clubs locais achegan máis de 50 nadadores e, no caso do Pons Vetus, aspiran a acadar o segundo posto por equipos que, este ano, parece reservado ao Club Traviesas, de Vigo.
En canto á participación destacou que haberá nadadores de entre 20 e 80 anos e que agárdase un bo nivel deportivo, dado que hai xente con marcas mesmo superiores ás que acreditan nadadores que asisten a campionatos absolutos.
Alfonso Gallego, que está a estrear estes días a presidencia do Galaico, recalcou a súa vontade e a da súa directiva de intensificar a colaboración co Pons Vetus.
Carlos Touriño confesou a “ilusión” que lle fai esta colaboración porque, dixo, é a primeira vez que ve a dous clubs organizar conxuntamente un Campionato. Aproveitou a presenza de Agustín Fernández e lanzou o reto de traballar para, no futuro, acoller en Pontevedra un Campionato Máster de Europa, o que sería todo un reto porque o último celebrado en Córdoba congregou a 7.000 participantes.
O presidente da Federación destacou o bo momento da natación galega máster, pois no último Campionato de España os nosos nadadores batiron tres records de España e un de Europa e, finalmente, fixo un chamamento ao público en xeral para que se animen a lanzarse a auga, pois a natación é un deporte san, beneficioso para a saúde e ao alcance de todos.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















