O concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, comprometeu o financiamento necesario cos representantes da fundación para volver traer á nosa cidade, un evento que xa albergamos hai catro anos e que supuxo un importante éxito tanto a nivel deportivo como de ocupación hoteleira.
O apoio económico do Concello permitirá cubrir os gastos propios do campionato, entre eles a arbitraxe, cronometraxe, aloxamento, manutención e dietas dos equipos arbitrais, montaxe e preparación específica da instalación, así como o resto dos gastos propios da organización.
Agárdase a participación dos 16 clubs (oito masculinos e oito femininos) que militan na categoría de prata a nivel nacional. O Club Natación Galaico feminino, de Pontevedra, será, por tanto, un dos participantes e terá así unha oportunidade de demostrar as súas opcións de ascenso á División de Honor.
Cada club está composto por uns 20 compoñentes, polo que durante os tres días de competicións serán máis de 300 os nadadores participantes, amais dos corpos técnicos, arbitrais e federativos. Todo elo sen contar cos acompañantes de cada un dos integrantes da “caravana deportiva”. Para o correcto desenvolvemento de todas as probas a organización contará co apoio de 15 voluntarios.
Agustín Fernández indica que está xa a traballar conxuntamente coa Concellería de Turismo, que dirixe Carlota Román, para ver de facilitar información sobre os recursos turísticos da cidade e da comarca aos visitantes, dado que trátase doutra oportunidade de promoción que cómpre aproveitar como se merece.
Por outra banda, o concelleiro de Deportes traballa estes días conxuntamente co Casino Mercantil e Industrial no peche dos detalles do Torneo Junior de Tenis da Federación Internacional de Tenis (ITF), outro dos eventos que patrocina o departamento municipal e que vai formar parte da programación que se está a elaborar para o ano próximo.
O torneo celebrarase do 2 ao 7 de xaneiro, nas pistas de Cons (Mourente), en categorías masculina e feminina e nas modalidades de individual e dobres. Participarán uns 150 xogadores. A idea é a de consolidalo no tempo e que pase a formar parte do “Junior Circuit”, integrado actualmente por torneos tan prestixiosos como Roland Garros, Wimbledon, Open US e o Australian Open.
O torneo pontevedrés vai ser obxecto dunha próxima presentación oficial a cargo do Concello e o Casino Mercantil e Industrial.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















