Ao concerto non faltaron a vicerreitora do campus de Pontevedra, Antonia Blanco, e autoridades da Escola Naval Militar, entre as que se atopaba o director do centro, Marcial Gamboa. Antonia Blanco destacou a excelente acollida que acostuma ter o concerto, “contando cada ano cunha maior afluencia de público”. Este evento, que se consolida cada vez máis en cada edición, complementa o ciclo de actividades máis académicas, “ao incluír tamén unha oferta cultural”, engadiu. A vicerreitora sinalou ademais que este tipo de actividades dan a coñecer o labor da cátedra “achegándoa dunha forma máis íntima á cidadanía pontevedresa”.
Dende o clásico ao popular
A actuación comezou cun ritmo forte coa Danza del Sable para deixar paso á coñecida Marcha Turca de Mozart e rematar o primeiro pase con El Vuelo del Moscardón, peza de difícil interpretación dada a rapidez que esixe por parte dos instrumentistas. O concerto tomou un aire máis relaxado nas seguintes composicións ao incluír no repertorio baladas e habaneras e o saxo, o trombón e o piano tiveron un protagonismo especial ao ser tocados en solitario polos músicos José M. Posada, R. González e Miguel Costas. Tras un concerto de piano que emocionou aos espectadores, a banda puxo punto e final ao espectáculo ao son das marchas militares de Las Corsarias e de Al paso del Regimiento. As panxoliñas máis tradicionais, que entoaban os membros do coro da escola, fóronse intercalando entre peza e peza, contando en algunha que outra ocasión co acompañamento do público, que animado, tamén se atreveu a cantar.
Unha banda con máis de 70 anos de historia
A Banda de Música da Escola Naval Militar, baixo as directrices do comandante músico Francisco García Hurtado, conta con máis de 70 anos de experiencia. Creouse en 1940 en Cádiz, sendo trasladada a Marín no xullo de 1943. Actualmente está composta por 49 compoñentes entre instrumentistas de madeira, metal e percusión.As súas actuacións acostuman ter finalidades distintas. Por unha banda, atenden as necesidades marcadas polo réxime interior da Escola Naval Militar, como render honras, paradas militares, xuras de bandeira, despedidas de buques, recepcións a autoridades ou concertos didácticos para a dotación. Por outra banda están os concertos fóra da escola, tanto en actos de índole castrense como civís, destacando en primeiro termo aqueles espectáculos didácticos e culturais que se realizan nos diversos colexios e centros educativos de España.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















