A Concellaría de Festas quixo que este ano a pregoeira das Festas da Peregrina fose Meli Fandiño. O conxunto da cidadanía e da profesión coinciden en salientar que é unha das persoas que máis vencellos ten coa cidade, que viviu e vive de preto e co corazón as súas inquedanzas e a súa evolución. De tal xeito que pode ser considerada a voz dos pontevedreses.
Meli Fandiño leva na memoria histórica dos pontevedreses 43 anos, tantos como na radio, en Radio Pontevedra. De feito, foi o seu primeiro e único traballo, onde recalou con 16 anos facendo traballos de locución, e animada sempre polos seus pais, Andrés Fandiño e Dolores Barbosa.
Coa chegada da democracia e cando se comeza a reivindicar a presenza da muller na vida social e laboral, Meli Fandiño comeza a facer información, á saír á rúa, a coñecer as inquedanzas dos pontevedreses de primeira man, colaborando con distintos programas e, especialmente, con Hipólito Fraguas ao fronte da opinión. Logo relevouno durante moitos anos e ata hai dous, cando lle cedeu o testigo ao seu compañeiro na emisora, Manolo Fernández.
A vida de Meli Fandiño é a vida de Pontevedra -“pasei máis tempo na emisora que na miña casa”-, polo que o seu pregón promete ser entretido e sorprendente, cun claro sabor a radio.
O pregón leerase o sábado, 13 de agosto ás 12.00 horas dende o balcón do Pazo de Mugartegui, na praza da Pedreira.
Escribir un comentario