
O entroido de Pontevedra arranca esta mesma fin de semana coa presentación dos Entroidos tradicionais de Galiza, un clásico dentro da programación do entroido pontevedrés. Este ano as rúas do casco histórico vivirán o entroido das Mázcaras de Manzaneda, e as Madamas e Galáns de Cobres.
Este sábado, 4 de febreiro, as principais rúas do ensanche e do centro histórico acollerán o pasarrúas das Mázcaras de Manzaneda. Será a partir das 12.00 horas.
A Mázcara é o personaxe principal do entroido de Manzaneda. Leva un gran pucho de forma cónica engarzado con brillantes cintas de cores. Suxéitase á cabeza cun pano de cores atado pola parte posterior. Levan polainas brancas e puntillas de cores rechamantes. Cruzada no peito teñen unha mantilla floreada. Levan tamén un pequeno bastón.
Reciben o nome de mázcaras aínda que levan o rostro descuberto. Como os boteiros, preceden ao folión e unha das súas características, a parte da elegancia, son os saltos que realizan e as súas mocas.
Para a fin de semana que vén, o sábado, 11 de febreiro, o pasarrúas correrá a cargo das Madamas e Galáns de Cobres, tamén a partir das 12.00 horas.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















