hemeroteca
Enlaces
Los blogs de nuestros colaboradores
Propón un blog

Teatro de Arume, Mercedes Peón e concerto de bandas man a man, neste mércores en Pontevedra

Dfiestax

smaller text tool iconmedium text tool iconlarger text tool icon

peon A Semana Grande das Festas da Peregrina continúa este mércores cargada de espectáculos e música. O máis relevante terá lugar ás 22,30 horas na Praza de España co concerto da artista galega Mercedes Peón, probablemente a compositora galega con máis proxección internacional.

Peón, cando só contaba con 17 anos, comezou unha inesgotable tarefa de recuperación da música tradicional, percorrendo os lugares máis recónditos da xeografía galega. O seu éxito reside en saber mesturar á perfección a tradición coa vangarda. Recibiu recoñecementos a nivel nacional e internacional no ámbito da música folk, coma os seguintes: Premio “Songlines Top of the World” polo disco “Isué” en 2000, Galega do Ano e Premio Opinión en 2005, Mellor Artista do Ano polo magazine “Folkworld” e Premio Nacional de Música en 2008, entre outros. En Pontevedra presentará o seu último traballo, “Sós”, e no que proxectará todo o embruxo e enerxía que envolven a súa música. Antes do concerto, haberá outras actividades de interese ao longo da xornada. Ás 19:30 no Teucro, os nenos volverán a ter unha cita co teatro. Nesta ocasión, Golfiños tráenos “Polo mar andan as lebres e polo monte as sardiñas”, unha proposta na que se contan contos e cantigas tradicionais, coa presenza da mentira, e na que os nenos son os protagonistas.

Posteriormente, ás 21,00 horas no Teatro Principal, a compañía pontevedresa Arume, representará unha comedia de humor acedo en tres actos, “El caso de la mujer asesinadita” de Miguel Mihura e Álvaro de Laiglesia. Ambientada nos anos corenta, trata sobre a rutinaria vida dun matrimonio adiñeirado, Mercedes e Lorenzo. Un bo día, este contrata a unha secretaria e rematan namorándose. Daquela, Lorenzo decide asasinar á súa muller. Malia este tráxico argumento, trátase dunha comedia poética na que o humor disparatado se pon ao servizo dunha crítica aos convencionalismos sociais dunha época. A representación terá un carácter benéfico, todo aquel asistente que o desexe poderá participar nunha recadación de fondos para Somalia.

Paralelamente a esta actividade, ás 21,00 horas celebrarase un concerto na Ferraría, o Concerto man a man, onde actuarán as Bandas de Música de Pontevedra e Salcedo, ambas de gran recoñecemento dentro do panorama bandístico galego. Algúns dos temas que conformarán o seu repertorio son: “Carmina Burana (O Fortuna)” de Carl Orff, “Japanese Tune” de Soichi Konagaya, “Danzón nº 2” de Arturo Márquez e “Pirates of the Caribbean” de Hans Zilmmer.

Outros actos que se desenvolverán na xornada de mañá son os seguintes: Ás 12 horas do mediodía e como xa é habitual, a charanga Apeles iniciará un pasarrúas que retornará ás 18 horas. O grupo Os Alegres de Mourente actuarán ás 13 horas percorrendo as prazas e rúas da cidade. Ás 24 horas, e como tódalas noites, haberá unha verbena en Montero Ríos da man da orquestra Atlanta de Vigo.

Fotografía principal de Michal Jaskolski: Mercedes Peón durante uno de sus conciertos

Escribir un comentario