hemeroteca
Enlaces
Los blogs de nuestros colaboradores
Propón un blog

Xogos infantís, Sergio Dalma e espectáculo pirotécnico para amenizar este luns, día de Santa María en Pontevedra

Dfiestax

smaller text tool iconmedium text tool iconlarger text tool icon

sergio Este luns, día de Santa María vén cargado de actividades para tódolos públicos, pero cabe destacar a primeira das xornadas de teatro para nenos que se desenvolverán ao longo de toda a semana nestas Festas da Peregrina. A cita será ás 19:30 horas na Praza do Teucro.

A empresa Barafunda Animación, a cal conta cunha ampla experiencia no sector da animación cultural e do ocio creativo, representará  “As aventuras de Lila e Lolo”. Trátase dun espectáculo interactivo protagonizado por dous paiasos, onde pequenos e non tan pequenos gozarán das súas aventuras e desventuras, nunha constante sucesión de gags cómicos. Un espectáculo onde a risa e a sorpresa están aseguradas.

Pero para ir animando aos cativos antes desta representación, estes poderán gozar de diversos xogos populares que se realizarán na Avenida de Santa María. Os xogos comezarán arredor das 17:15 e terán unha duración de dúas horas aproximadamente, en función da participación. Con estas actividades os nenos, e os que non o son tanto, poderán coñecer e practicar xogos e deportes tradicionais, valoralos como parte do patrimonio cultural e gozar dunha alternativa no seu tempo de ocio, pero sobre todo divertirse xogando. Os xogos nos que poderán participar son os seguintes: o pano, o brilé, xogo da ra, aro guía, zancos, xogos con cordas, carreiras de sacos, bolos celtas, ringo-pica e xogos cooperativos con paracaídas.

Logo destes eventos máis dirixidos ao público infantil, chega unha exhibición de bailes de salón a cargo da Escola de Baile Pasos. Será na Ferraría e constará de dúas partes:

-    Bailes standard, que son aqueles de corte máis clásico, coma o tango, o slow ou o vals inglés e vienés.
-    Bailes latinos, que comprenden o chachachá, a samba, a rumba, o pasodobre e o jive.

Na exhibición participarán as mellores parellas de Galicia e os actuais Campións de España de Standard, Adrián Esperón e Patricia Martínez. Asimesmo, bailarán Cristian e Claudia Álvarez, a parella de irmáns pontevedreses que recibiron o título de Campións de Standard a nivel autonómico.

Tras esta magnífica demostración de baile, a cita trasladarase á Praza de España, onde actuará ás 22:30 un dos artistas máis consolidados do panorama español: Sergio Dalma. 1991 é o ano da consagración deste cantante coa saída do seu segundo disco “Sintiéndonos la piel”, no que se inclúe o tema “Bailar pegados”, que representou a España no Festival de Eurovisión, quedando en cuarta posición. Este feito constituíu unha boa plataforma de lanzamento a nivel internacional. Sergio Dalma recibiu numerosos premios: o World Music Awards en Europa, Mellor Solista Masculino en España, premios en América, varios discos de platino, etc. Na nosa cidade presentará o seu último traballo, “Vía Dalma”, onde se recolle por primeira vez unha recopilación de grandes éxitos italianos cantados en español.

Para finalizar a velada, á medianoite haberá un espectáculo pirotécnico no Peirao das Corvaceiras, da man da empresa Xaraiva, que empregará a última tecnoloxía en máquinas de disparo: as máquinais dixitais, as cales proporcionan unha maior precisión e efectos innovadores.

Outros acontecementos dos que poderemos gozar durante esta xornada son os seguintes: A partires das 11 horas da mañá na Avenida de Santa María darán comezo as tradicionais “Simultáneas de xadrez” por parte da Escola de Xadrez Pontevedra. Ás 12 horas comezará a actuación do grupo Xoldra polas prazas e rúas da cidade. Media hora despois haberá unha misa solemne coa posterior procesión de Santa María. A charanga Apeles iniciará un pasarrúas ás 13 horas e outro pola tarde, ás 18 horas. Ás 13:30 horas, a Banda de Salcedo ofrecerá un concerto na Avenida de Santa María. Xa pola noite, ás 23 horas, dará comezo a verbena de San Roque coa orquestra Costa Blanca e unha hora despois amenizará a festa a orquestra Almíbar, na Gran Vía de Montero Ríos.

Escribir un comentario