Apoio das institucións
Na situación actual de crise, na que as empresas teñen menos recursos para innovar, a intervención e o apoio das institucións “deberían ter máis peso”. Como destaca Loureiro, se o esforzo das universidades e centros tecnolóxicos é efectivo, as sinerxías creadas converteranse na vía que as empresas terán para medrar máis eficientemente, “porque xerarán eficiencia no proceso de innovación, xa que o sistema institucional ten moita experiencia neste eido e a súa colaboración acurtará os tempos de saída dos produtos novos”. Aínda así, o investigador postula que a crise económica debe provocar un cambio de modelo produtivo que lle dea máis importancia a estes valores intanxibles como a innovación ou a internacionalización, contexto no que resulta vital o apoio do sistema institucional.
Innovación aberta e pechada
Sen embargo, Loureiro detecta que un dos problemas de fondo que “frean” a simbiose entre universidades e empresas reside no que el denomina innovación aberta e pechada. “Cando un investigador publica nunha revista científica comparte as súas achegas a case un custe cero para as empresas, pero o problema atópase coas patentes pois o investigador non estará interesado en divulgar o seu coñecemento de forma gratuíta, senón en transferila mediante unha relación contractual, de aí o principal problema da innovación aberta, que ao final acaba converténdose en pechada”.
Por outra banda, esta investigación sirve como guía para o pequeno empresario, pois demostra “que non basta con xuntar unha serie de persoas creativas baixo un mesmo teito para ter unha empresa innovadora, é necesario un capital estrutural que lle dea soporte, porque do contrario serían pequenos profesionais autónomos que non actuarían como empresa”. Así mesmo, tamén ofrece unha serie de claves para aquelas empresas que queiran comezar o seu camiño cara a innovación, recomendando a implementación dun bo sistema de información a través das TIC con persoal ben formado para o seu uso “e que traten de xerar unha cultura de mellora constante, de forma que non se perda o valor do coñecemento dos profesionais aínda que abandonen a empresa”.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















