“PontedeTapas” amplía a súa duración. Carlota Román anunciou que, a petición dos hostaleiros, cubrirase integramente a ponte festiva da Inmaculada. Así durará dende este venres, 25 de novembro, ata o próximo 8 de decembro, última xornada festiva da ponte. O público disporá así de dúas fins de semana e das xornadas non laborais da Constitución e a Inmaculada.
As novidades non quedan aí, posto que, a maiores da cartelería anunciadora, haberá carteis específicos por cada un dos 47 locais nos aparecerá impresa a tapa correspondente a cada un deles. Os establecementos xa están a elaborar a súa proposta gastronómica. Hoxe anunciouse que todas estarán confeccionadas con produtos galegos e da máxima calidade. O prezo da tapa, sen incluír bebida, mantense en 1,50 euros.
Carlota Román anunciou que o Centro Histórico seguirá a ser o epicentro do certame. A maioría dos participantes sitúanse neste entorno, pero tamén hai varios bares e restaurantes da cidade que quixeron sumarse a unha iniciativa que sempre leva aparellado un forte tirón de público.
A concelleira, que estivo acompañada durante a presentación por directivos da asociación de hostaleiros, Hoaspo, e do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, animou a todos os pontevedreses a participar. Destacou que agárdase unha forte presenza de xente de toda a provincia, de Galicia e mesmo de fóra da nosa comunidade autónoma, aproveitando as opcións turísticas que abre a ponte da Inmaculada.
O presidente de Hoaspo, Salvador Santiago, quixo agradecer a Carlota Román a súa decisión de manter o concurso de tapas posto en marcha durante o pasado mandato municipal polo ex concelleiro de Turismo, Julio Castela. Moitas veces, explicou, cando cambian as persoas bótase abaixo o que se viña facendo. Neste caso, Carlota Román, engadiu, entendeu que algo que naceu cun rotundo éxito merecía seguir e tamén soubo escoitarnos cando lle pedimos ampliar as datas para cubrir toda a ponte.
Finalmente, Carlota Román anunciou a simplificación do sistema de votación. O público recibirá con cada tapa un cupón de votación. Deberá valorar do 1 ao 5. Cada un dos locais contará cunha urna de votación. Rematado “PontedeTapas” farase o reconto para decidir as tres tapas gañadoras e procederase á entrega dos diplomas aos hostaleiros.
O público, pola súa parte, conta co aliciente da celebración dun sorteo, entre todos os votos emitidos. Repartiranse un total de 12 premios: unha viaxe de oito días para dúas persoas a Tenerife, unha viaxe de seis días para dúas persoas a Madeira, unha escapada de fin de semana con encanto para dúas persoas, unha escapada pintoresca para dúas persoas (as dúas en datas a elixir polos gañadores), cinco cheques regalo de 200 euros para mercar no comercio local e, finalmente, tres ceas con “Menú da ría” nos restaurantes adheridos a esta outra iniciativa gastronómica municipal.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















