Á presentación asistiron a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon; e o presidente do Clúster, David Corral. No seu relatorio, o titular de Medio Rural tamén resaltou os datos que arroxa o sector da agricultura ecolóxica en Galicia. Subliñou que, no último exercicio, a súa produción facturou na nosa Comunidade 17,1 millóns de euros e que o volume de produto certificado medrou ao redor dun 25%.
![]()
Doutra banda, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, sinalou na súa intervención, que a política de “clusterización” dos sectores estratéxicos permite consolidar a reactivación da economía. Neste sentido, referiuse á clasificación de actividades que se recolle no Plan Estratéxico do Impulsa Lugo. Arias manifestou que este programa específico de estimulación económica que puxo en marcha a Xunta ofrece nichos empresariais que contan aínda cunha ampla capacidade de desenvolvemento en Lugo e neste ámbito ecolóxico: Hortofloricultura, acuicultura, industria de alimentación funcional e nutracéutica (alimentos que curan), viticultura. E tamén actividades correspondentes a sectores emerxentes como a ecoinnovación e a biotecnoloxía, relacionadas tamén coa produción ecolóxica.
“Non en van, hoxe vemos unha proba desa puxanza do sector ecolóxico lucense, que aporta a metade dos membros que conforman o Clúster da Alimentación que hoxe se presenta”, anotou a delegada.
Obxectivos
O Clúster da Alimentación Ecolóxica constituíuse formando unha cadea de valor chamada a converterse no eixe dunha actividade rendible, con capacidade de crecemento e de xeración de riqueza. Deste xeito, pretende contribuír ao desenvolvemento, crecemento e mellora continua deste sector desde todas as vertentes posibles, no ámbito de actuación da asociación e nun marco xeral de colaboración co avance da actividade económica galega.
A asociación integra a un grupo de empresas e entidades deste ámbito para cooperar e unificar actuacións relacionadas de forma sectorial e xeográfica. Entre os seus obxectivos figura o aumento da produtividade e da competitividade; a mellora da capacidade de innovación; ou o fomento do intercambio de experiencias e reflexións.
Para acadar os fins deseñados, o Clúster formula una serie de accións, como a promoción e fomento do consumo dos alimentos ecolóxicos galegos en todos os ámbitos da sociedade; a creación dunha rede de contactos para a comercialización; o asesoramento para a exportación e a programación de xornadas de divulgación tecnolóxicas, entre outras.
Crecemento sostido
O sector da agricultura ecolóxica, organizado mediante consello regulador, experimentou nos últimos anos un crecemento sostido, tanto no que atinxe a superficie cualificada como a produtores e elaboradores. Os últimos datos de 2011 indican que a superficie inscrita na Comunidade galega é de 14.434 hectáreas, o que supón un incremento do 1,4% respecto dos datos do peche de 2009.
No referente aos operadores, o número total dos mesmos pasou de 547 en 2009 a 573 en 2010, o que representa un aumento do 4,7%. Os produtores pasaron de 469 a 484 (cun medre do 3,1%), incrementándose tamén a cifra de elaboradores (pasou de 78 a 89, un 14% máis), feito destacable, xa que é fundamental para mellorar a comercialización do produto ecolóxico elaborado.
Por tipo de cultivo, a maior parte da superficie inscrita en 2010 (un 90,4%) corresponde a pastos, praderías e forraxes, mentres que un 9,5% son cultivos permanentes e terras arables. Esta distribución da superficie confirma a Galicia como unha Comunidade netamente gandeira, tamén no que atinxe á produción ecolóxica, tendo maior peso a produción animal que a vexetal.
Volume de negocio
Do total dos 17,1 millóns de volume de negocio, o leite e os seus derivados representan a maior parte (cunha facturación de 7,6 millóns de euros); seguido da carne; con 2,6 millóns; o bosque e recollida silvestre (1,6 millóns); os ovos e derivados (1,2 millóns) e as conservas de pescado (1,2 millóns).
Superficie por provincias
Por provincias é Ourense, seguida de Lugo, a que acada unha maior superficie inscrita, con 6.664 e 5.714 hectáreas, respectivamente. Entre as dúas suman o 87% do total. Na Coruña a superficie inscrita é de 1.067 hectáreas e en Pontevedra cífrase en 722.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















