O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou que o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) é unha mostra “do que queremos facer da Galicia despois da crise”, un centro de coñecemento, de tecnoloxía e de innovación.
Durante unha visita ao centro, situado en Porriño, insistiu na aposta do Goberno galego pola innovación como un dos vectores para saír da crise e lembra que as empresas galegas teñen a súa disposición 30 millóns de euros do Programa Interconecta.
Ademais, Feijóo cualificou o CTAG como “o pulmón da innovación de toda a industria automobilística de Galicia”; “un dos centros tecnolóxicos de automoción mellores da Unión Europea”, onde traballan 350 persoas.
Asi mesmo, salientou o presidente da Xunta que, a pesar da crise, o CTAG está ampliando todo o departamento da electrónica, cun edificio “financiado 100% pola Xunta, que esperamos poida funcionar a finais do ano 2012”.

Escribir un comentario