Tamén, engadiu o conselleiro, no impulso á Investigación, o Desenvolvemento e a innovación (I+D+i), con iniciativas entre as que salienta o proxecto Winetech (integrado no programa comunitario Interreg IV-B), que busca fomentar a innovación e a transferencia tecnolóxica.
![]()
Juárez lembrou así mesmo que o Goberno Galego liderou a protección das castes autóctonas galegas (e nomeadamente o albariño) en toda España, no que se refire á etiquetaxe de viños sen denominación de orixe, e está a facilitar ao sector o cumprimento da normativa comunitaria sobre transporte de produtos vinícolas a través dun decreto específico sobre a materia, que entrou recentemente en vigor.
O titular de Medio Rural destacou ademais o fomento do enoturismo (do que Pazo Baión é unha mostra senlleira), mediante a posta en marcha de diferentes rutas do viño nas denominacións de orixe da Comunidade Autónoma, no ámbito da cooperación transfronteiriza entre Galicia e o Norte de Portugal.
Vendima de 2011 en Rías Baixas
Neste acto, o conselleiro do Medio Rural puxo de manifesto que as previsión para a colleita de 2011 na denominación de orixe Rías Baixas –coma no resto das zonas de produción de Galicia– son especialmente favorables, tanto no que se refire á cantidade como á calidade de viño.
No exercicio de 2010 colleitáronse nesta D.O. máis de 31 millóns de quilos de uva, cunha produción de viño cualificado que superou os 160.000 hectolitros e un valor económico estimado de máis de 96 millóns de euros.
Apoio ao proxecto de Pazo Baión
O Pazo de Baión e a súa finca foi noutrora un dos símbolos do problema do narcotráfico en Galicia, ata que no verán de 2008 pasou a ser propiedade de Condes de Albarei. Esta adega beneficiouse de varias axudas xestionadas por Medio Rural para apoiar investimentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas por fondos comunitarios Feader, así como para a promoción e a mellora da comercialización.
Ademais, a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) 21-Salnés, no ano 2010 foi subvencionada a creación dunha tenda de exposición e venda nestas instalacións. Estas axudas dos GDR as coordina a Consellería, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). En total, sumando as anualidades de 2009 e 2010, recibiu un total de 1.131.634 euros.
Deste total, no que atinxe ás axudas para transformación e comercialización, na convocatoria de 2009 esta empresa beneficiouse de 675.340 euros en concepto de axuda para a remodelación da antiga adega existente neste Pazo e a súa utilización produtiva. Outra axuda xestionada por Medio Rural, dentro deste mesmo apartado, permitiulle á empresa beneficiarse dunha nova achega de 156.394 euros (na convocatoria de 2010) para realizar diferentes melloras tecnolóxicas adicionais na mesma adega.
Canto á liña de axudas para promoción e mellora da comercialización, Condes de Albarei recibiu dúas axudas (nas convocatorias de 2009 e de 2010) por un importe total de 49.900 euros. Estes fondos destináronse a diversas actuacións, tales como a realización de catálogos promocionais, páxina web, deseño de produtos, presenza en feiras sectoriais e labores comerciais.
A estas axudas hai que sumar a recibida por Condes de Albarei a través do GDR 21- Salnés no ano 2010 para a creación dunha tenda de exposición e venda, para o cal acondicionouse o patio interior, o acceso peonil e a planta baixa da nave Sur. Nesta última creáronse catro zonas diferenciadas: almacén, sala de exposicións e ventas, sala de proxeccións e aseos e o correspondente mobiliario e equipamento. O importe da axuda ascendeu a 250.000 euros.
Proxecto vitivinícola
A partires da adquisición do Pazo de Baión por parte de Condes de Albarei, esta empresa desenvolveu un proxecto vitivinícola, enoturístico e social nesta emblemática leira, de máis de 30 hectáreas de superficie, que posúe o maior viñedo da subzona do Salnés (22 ha), dentro da D.O. Rías Baixas. Na colleita de 2010 comercializou un total de 80.000 botellas do albariño Pazo Baión. O recinto do Pazo converteuse nun centro de enoturismo dentro dun proxecto que se completa con programas sociais de loita contra a droga e de reinserción socio-laboral de ex-toxicómanos.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















