O vicepresidente da Deputación de Pontevedra e presidente do organismo autónomo Turismo Rías Baixas, José Manuel Figueroa, participou na xornada formativa dos 70 axentes que desenvolverán accións de soporte informativo ós turistas que acudan á nosa provincia durante os meses de verán.
En total, explicou Figueroa, “grazas a este plan no que investimos máis de 200.000 euros, os nosos informadores turísticos estarán presentes en 41 dos 62 concellos da provincia”, ó tempo que salientou “a importancia fundamental da imaxe e do bo trato que deben recibir os nosos visitantes”.
Neste sentido, engadiu o vicepresidente provincial, “buscamos por riba de todo obter a satisfacción do turista que nos visita, por iso é indispensable o bo trato, a cortesía e a imaxe, porque non podemos esquencer que a imaxe que representamos é a imaxe dunha marca de calidade, Turismo Rías Baixas, e a de cada un dos concellos presentes neste plan”.
“Se queremos potenciar o noso destino turístico coma un destino de calidade debemos ter moi en conta a imaxe, a rapidez na xestión á hora de buscar solucións ós problemas plantexados e, sobre todo, recabar a valoración dos turistas que visiten ás Rías Baixas, posto que toda esa información será empregada no noso Observatorio Turístico, unha ferramenta que só pode axudarnos a mellorar o que xa temos”.
Así, Figueroa amosou o seu optimismo co plantel de informadores que este ano, “especialmente trascendental habida conta da celebración do Xacobeo e do magnífico tempo que estamos a disfrutar” se encargarán de prestar a debida asistencia os turistas e desexoulles a mellor das sortes “posto que a vosa sorte é a sorte da provincia”.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















