A Casa da Cultura tomiñesa acolleu a presentación pública do proxecto “Recuperación ambiental e posta en valor da Fortaleza de San Lourenzo e da praia de Goián”, que tivo lugar en Tomiño coa presenza do xornalista e escritor Manuel Campo Vidal, representantes das administracións autonómica e nacional e os alcaldes de Tomiño e Vila Nova de Cerveira.
A alcaldesa Sandra González tivo ao seu cargo a coordinación do acto, dando paso a cada un dos interlocutores presentes. En primeiro lugar, a propia rexedora explicou de forma resumida o complexo proceso de tramitación que culminou coa concesión dunha subvención de 1,7 millóns de euros por parte do Ministerio de Cultura. “Desde a chegada ao goberno municipal, entendemos que era preciso reflexionara sobre a posta en valor dun espazo como é a Fortaleza San Lourenzo. Desde que o concello adquiriu os terreos no ano 1993 fixéronse varias actuacións no forte coa idea de consolidar os baluartes e muros existentes, pero foron actuación illadas, porque non se pode entender a fortaleza sen a praia fluvial de Goián, sen o rio Miño e tendo en conta criterios ambientais, turísticos, económicos, patrimoniais e de lecer”, comentou Sandra González.
Con esta idea o goberno impulsou a redacción do Plan Director da Fortaleza; un documento que analice ese espazo desde un punto de vista integral e multidisciplinar e propoña directrices de actuación de posibles intervencións futuras nesa zona. “Así, encargámoslle ao arquitecto Pablo Gallego un proxecto coa pretensión de unir a Fortaleza de San Lourenzo e a praia fluvial nun único espazo público que poida ser desfrutado polos veciños do Concello pero tamén que sirva para atraer turistas e axude a mostrar o enorme potencial que temos nesa zona”, explicou a alcaldesa.
O arquitecto responsable da redacción do proxecto, Pablo Gallego, explicou as características principais da futura obra, facendo fincapé na idea de crear unha conexión entre ambos espazos (fortaleza e praia) dando lugar ao mesmo tempo a unha serie de equipamentos, coma un centro de interpretación, unha cafetaría, aseos e outros servizos. Segundo o arquitecto, o que se pretende é recuperar ambientalmente a zona respectando as súas características fundamentais e converténdoa nun espazo de encontro e de comunicación co río Miño e coa veciña vila de Vilanova de Cerveira.
Pola súa banda, José Mª Picallo, xefe territorial de Cultura, lembrou os esforzos do goberno anterior por recuperar a fortaleza de Goián e felicitou ao equipo actual pola consolidación do proxecto.
Nam esma liña expresouse Delfín Fernández, subdelegado do Goberno en Pontevedra, cualificando á iniciativa coma “un proxecto de presente pero sobre todo, un proxecto de futuro”, salientando o investimento millonario por parte do Goberno Central e poñendo de releve a colaboración entre as distintas administracións.
O presidente da Cámara de Vila Nova de Cerveira, José M. Vaz Carpinteira felicitou á súa homóloga tomiñesa, “pola súa osadía e coraxe de facer este proxecto que vai atraer seguramente moita xente a este concello”. O rexedor lembrou a liña de traballo conxunto que están a desenvolver ambas institucións co fin de beneficiar á comunidade transfronteiriza.
Pechou o acto o xornalista, presentador he escritor Manuel Campo Vidal, moi vinculado a Tomiño e presidente do Foro Fortaleza, entidade que levará adiante a realización do proxecto. O recoñecido comunicador sinalou a necesidade de converter a fortaleza goianesa e os seus arredores nunha zona que identifique a Tomiño dentro e fora da comarca. Con respecto ao proxecto, considerouno unha iniciativa ambiciosa e ben plantexada e declarouse complacido “por la solidaridad institucional que he visto en este acto”.
Campo Vidal salientou a importancia de traballar conxuntamente cos veciños portugueses, “con los que tantos años hemos vivido de espaldas”, e reiterou a súa implicación co proxecto. “Cuenten con mi compromiso público de contribuir para que este proyecto que se pone ahora en marcha sea una realidad”, asegurou.
No acto atopábanse tamén o arquitecto Xavier Rivas e o sociólogo urbanista Daniel Pino (membros do Foro Fortaleza), así coma outros membros da corporación municipal, membros das asociacións e entidades de Goián (asociación de veciños, comunidade de montes, traída de augas) e asociación de comerciantes.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook
















