Pola súa banda, Fernando Suárez, vicedecano da Facultade de Belas Artes, salientou a función formativa deste tipo de actividades, “converténdose en fundamentais para a educación do noso alumnado, pois se soamente nos quedamos co ensino regrado, a formación do noso alumnado coxearía”. Destacou que a organización destas Xornadas de Arte en Acción esixe a implicación de profesorado e institucións, “creando un canal de conexión co exterior que permite traer á facultade ideas innovadoras, abrir a mente do noso alumnado e sacalos ao exterior integrándoos na cidade”, apuntou Suárez.
Crear sons a partir de liñas rectas
A programación da oitava edición de Chámalle X botou a andar este martes coa performance de Berio Molina coa que afondou na simbiose entre corpo e software. Ex alumno da Facultade de Belas Artes impresionou a todo o público que se congregou na Sala X cunha acción “creada exprofeso para as xornadas”. Grazas a un software de ordenador configurado polo propio artista, este foi quen de crear sons a partir de liñas vermellas que foi debuxando no rostro da súa colaboradora, María Rojo. “O programa informático detecta as liñas deseñadas a través dunha cámara de vídeo e, dependendo do trazo, vai cambiando o son”, explicou Molina. Este proceso de transformación estivo acompañado por refachos intermitentes de luz branca, “o que servía para visualizar o propio son”.As actividades continuarán o mércores cunha nova actuación dun autor local e inaugurarase o ciclo de intervencións do país convidado, Marrocos, que constará tres performances "coproducidas a medias co festival de Acción MAD Madrid”, aclarou Tejo.
O xoves comezará cunha mesa redonda onde se debaterá sobre distintos aspectos da arte en Marrocos, así como da súa problemática específica, “recuperando a sección reflexiva e teórica dos inicios de Chámalle X”, matizou o director. Logo será a quenda de outra actuación marroquí para deixar paso a dúas intervencións protagonizadas por ex alumnas da Facultade de Belas Artes, Sabela Peinado co Ouveo Interminable e Belén Choren con Palabras-paisaxes a 3000 voces.
Dende os inicios do festival no 2004, un dos seus obxectivos foi mesturar artistas galegos, que aproveitan o evento para darse a coñecer, “con nomes máis representativos do panorama español”, de aí que o venres peche o programa a valenciana Lucía Peiró, que leva traballando no campo da arte en acción dende os anos 80. A súa actuación terá lugar ás 20.00 horas no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, Marco, “entidade que leva colaborando con nós dende hai anos”, concluíu o profesor Tejo.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















