Inspiración na sonoridade
Foron os sons autóctonos que contén o Sonic Fabric os que inspiraron ao vencedor de Debut 2011 para o desenvolvemento das súas propostas. Así presentou unha reinterpretación da saia do traxe tradicional galego, combinándoa cun xersei tecido a man con cintas de algodón e cinta magnética. Pola súa banda, Adrián Rivas, partidario dunha estética máis pop, explicou que o tecido pode tamén ser empregado en innumerables propostas dada a súa maleabilidade, “facilitando o desenvolvemento do imaxinario persoal de cada un”.
A presentación do traxe sonoro contou cun espectáculo multidisciplinar no que ademais de música, moda e deseño, déronse cita paisaxistas sonoros como Juan Gil, de escoitar.org; artistas de vídeo como Horario González; e da danza, como Ángela Blanco, que actuou cun dos traxes sonoros presentados.
Partidarios da experimentación
Os tres novos deseñadores posiciónanse a favor de este tipo de colaboracións conxuntas entre modistos, artistas, músicos, institucións... “na procura de cousas novas, diferentes, que axuden á evolución constante da moda”, explicaron. En este caso, traballar man a man cunha artista que innova na fabricación de tecidos supón, para os novos talentos, un paso cara adiante na súa experiencia “traballando cun concepto innovador ao que nos podemos atopar nas tendas habituais da nosa contorna”, engadiu Rivas. Para eles a moda é unha forma de vida “que non debe respectar radares e que sempre debe estar experimentando”.
Son conscientes de que o negocio da moda está a pasar por uns momentos delicados como consecuencia da crise económica, pero mantéñense optimistas “pois estamos nun sector moi excitante con moitas posibilidade e non debemos esquecer que vivimos nunha sociedade baseada no consumo”, declarou David del Río.
Despois desta experiencia con novos materiais, a vida profesional destas novas promesas da moda continúa. Mentres que Adrián Rivas está en fase de preselección para entrar a traballar en algunha empresa do téxtil galego, David del Río atópase inmerso no deseño da colección que presentará o vindeiro 5 de febreiro no Ego de Cibeles Fashion Week.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















