O gañador desta nova edición de Debut 2011, David Del Río, botou man das tendencias dos anos 20 para crear unha colección para home e para muller “que tenta reflectir a opulencia e a esaxeración característica do estilo de vida dunha sociedade que acabou sufrindo as consecuencias da Gran Depresión de 1929, unha situación moi parella á actual”, explicou o propio deseñador. Coa estética do cinema de gánsters, Del Río optou por uns deseños moi comerciais con grande abundancia de bordados, minerais, pedras preciosas, perlas…“co fin de amosar ese malgasto”, engadiu. O máis destacable, un vestido plisado violeta para muller, “feito de seda 100% natural e con vida propia”.
|
|
|
Pola súa banda, Adrián Rivas, gañador do accésit Coca-Cola, reflexionou sobre o estereotipo da muller perfecta, recorrendo á iconografía americana, e empregando "estampados da bandeira, brillos e cores moi vivas, para conseguir un resultado moi pop”. Antonio J. Santos foi o terceiro galardoado da noite, cunha colección inspirada no personaxe Dellwood Barquer do libro El hombre que se enamoró de la luna. Remontándose ao oeste dos cowboys, ensinou unha colección moi vaqueira “que mestura pasado con tendencias actuais”.
As demais propostas, maioritariamente masculina, tamén recibiron o recoñecemento do público e do xurado. Entre elas, moitas alusións ao cinema e á música, así como a personaxes e a épocas de cambios importantes na historia, sendo a cor, as texturas, as máscaras e o volume os principais transmisores e nexos de unión.
O certame contou con tres pases máis. O desfile comezou cunha selección de experimentos en patronaxe coa incorporación de mutacións volumétricas, con moitas referencias ao mundo animal e á natureza. O tecido dourado de polipel tamén foi protagonista, o que provocou que houbese unha uniformidade na pasarela a pesar da gran variedade de propostas. Unha colección dedicada aos pobos nómades e as creacións da ex alumna Ana Pérez Valdés como deseñadora convidada, completaron o desfile desta edición.
Postos de venda e exposicións
Desta vez o desfile de Debut 2011 contou con actividades complementarias como o establecemento dun punto de venda á beira da pasarela, no que, por primeira vez, alumnado de Esdemga puxo á disposición do consumidor prendas exclusivas, creadas para a ocasión, a prezos “adecuados aos tempos actuais”, ofrecendo sobre todo complementos, como bolsos, colgantes, garabatas ou paxarelas. Como explicou Cintia Roberta Cuevas, estudante de terceiro curso, “este ano tivemos a oportunidade deseñar prendas cun fin máis comercial, “afastándose un pouco do toque experimental que se busca na aula”.Ademais do posto de venda, tamén se expuxeron dúas mostras fotográficas, unha resultado do proxecto de colaboración Novel12, desenvolvido por Purificación García e Esdemga, e a outra, unha compilación das mellores imaxes que reflicten a colaboración entre as novas promesas do deseño e da fotografía nestes cinco anos de Debut.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















