A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, e o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira, presentaron este sábado en rolda de prensa esta iniciativa. Trátase dun dos programa acordados en xaneiro no seo do diálogo social entre Administración, patronal e sindicatos.
O obxectivo do programa é favorecer o emprego e facilitar a inserción laboral dos mozos e mozas sen cualificación, que representan un dos colectivos que presenta maiores dificultades actualmente.
A iniciativa baséase en dúas fases: unha formativa; e outra de emprego. Para poñelas en marcha, a Xunta investirá 1,4 millóns de euros, aos que se sumarán os incentivos á contratación que se outorguen na fase de acceso ao mercado laboral.
No que se refire á fase formativa, os participantes poderán formarse en especialidades formativas vinculadas a sectores estratéxicos da economía como son: a economía verde (enerxías renovables, preservación medioambiental...); economía da saúde (servizos á terceira idade, atención á dependencia); e economía do coñecemento (TIC, audiovisual e cultura, biotecnoloxía...).
A formación estará vencellada á obtención de certificados de profesionalidade, que terán validez en todo o Estado. Poderán participar nestas formacións aqueles mozos e mozas que non teñan formación académica ou ben que sexan titulados en educación secundaria obrigatoria. Os cursos impartiranse en centros públicos de formación profesional dependentes da Consellería de Traballo e Benestar e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Deste xeito, a formación chegará a distintas comarcas de Galicia: A Coruña, Barbanza, Ferrol, Santiago, Ourense, Lugo, Pontevedra e Vigo. Entre outras, impartiranse especialidades formativas como: mantemento e montaxe mecánico de equipo industrial; mantemento de instalacións de megafonía, sonorización de locais e circuíto cerrado de televisión; montaxe de instalacións solares fotovoltaicas; ou atención sociosanitaria a persoas dependentes.
Serán un total de vinte accións formativas, nas que se incluirá tamén un módulo de igualdade de oportunidades e de prevención de riscos laborais que acreditará ao alumnado que posúe a formación necesaria para a obtención da tarxeta profesional da construción.
Formación práctica
Tras rematar o período de formación, os participantes deberán realizar unha fase de prácticas en centros de traballo, como primeiro achegamento ao mercado de traballo. Este módulo –que durará 6 meses- realizarase en empresas do sector, seleccionadas pola Administración para participar no proxecto.
Durante esta etapa, o alumnado estará vinculado contractualmente coa empresa, con cotización á seguridade social, e as condicións laborais serán as establecidas no convenio colectivo de aplicación. A empresa contará cun incentivo público á contratación temporal, que ascenderá a 2.500 euros. No caso de que estes contratos temporais fosen despois transformados en indefinidos, ao rematar a vixencia do mesmo, a empresa tería dereito a unha axuda complementaria de 2.500 euros.
En definitiva, trátase dun programa que permitirá mellorar a cualificación dos mozos e mozas desempregados, ao tempo que lles permite unha primeira inserción no mercado laboral.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















