En primeiro lugar desprazouse ata o albergue xuvenil de As Sinas. Actualmente, están participando nesta quenda de actividades –do 17 ao 28 de xullo- un total de 120 mozos e mozas de entre 13 e 15 anos de idade. Ao longo de todo o verán, o número de participantes nestas instalacións ascenderá a 600 persoas.
As actividades deste albergue están centradas na proximidade ao mar deste centro. Así, ofrece obradoiros de vela, de dorna, de táboa, de piragüismo, de kayak de mar e aulas de natureza mariña.Posteriormente, Rodeiro visitou o campamento xuvenil “Pontemaril”, situado en Forcarei. A día de hoxe, hai nestas instalacións un total de 140 rapaces e rapazas de entre 12 e 14 anos de idade. Se se teñen en conta o resto de quendas, pasarán por “Pontemaril” ao longo de todo o verán un total de 720 participantes.
Durante a súa estadía neste centro, os rapaces e rapazas realizarán actividades de sendeirismo, rutas ecolóxicas, bicicleta de montaña; así como outras actividades deportivas como o baloncesto, a piscina, o rocódromo e as actividades de convivencia e animación sociocultural.Hai que ter en conta que, ademais destas dúas instalacións, hai outros campos de traballo e campamentos que se están a desenvolver na provincia de Pontevedra, que son os que permiten chegar á cifra de máis de 2.500 participantes ao longo do verán.
Ademais de Pontemaril e As Sinas, na provincia teñen actividades tamén o campamento xuvenil da Illa de Ons e o campo de traballo das Illas Cíes. Tamén se organizan diversas actividades para maiores de 18 anos nas Rías Baixas.Campaña de verán
Ao longo de todo o verán participarán nos diferentes programas da campaña “Acción de Verán 2011” un total de 9.300 mozos e mozas en toda Galicia. O principal obxectivo da campaña é favorecer a participación da mocidade en múltiples actividades que teñen un compoñente de educación non formal no ámbito do ocio e o tempo libre.
Con esta oferta total, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado incrementa nesta edición as prazas da Campaña de verán nun 4,5 por cento máis que en 2010. Para poñer en marcha esta iniciativa, a Xunta destina a estas actividades un orzamento de máis de 3,2 millóns de euros, o que tamén permitirá a contratación de máis dun millar de mozos e mozas como monitores de tempo libre.A campaña oferta prazas en campamentos para menores de 18 anos, prazas para actividades para maiores de 18 anos; e prazas para campos de traballo. Ademais, resérvanse prazas para descendentes de galegos e galegas residentes no exterior e para persoas discapacitadas, menores tutelados pola Xunta e fillos e fillas de vítimas da violencia de xénero para que tamén poidan participar nestas actividades.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















