O departamento autonómico vén de resolver as subvencións que se conceden ao abeiro do programa “Iniciativa Xove”. O obxectivo desta iniciativa é fomentar a participación activa da xuventude na sociedade a través de actividades deseñadas por eles mesmos.
Co fin de consolidar a participación libre da mocidade, o programa “Iniciativa Xove” foi modificado en 2010 para facelo máis aberto, unhas modificacións que continúan sendo efectivas este ano. Cabe lembrar tamén que o orzamento destinado a esta orde de axudas aumentouse en 20.000 euros con respecto a 2010. Se se toma como referencia o exercicio de 2009, o financiamento deste programa ten aumentado nun 55 por cento.
Grazas á reforma acometida en 2010, actualmente poden optar ás subvencións os grupos informais de mozos e mozas –sen ter que estar constituídos en asociacións- se cumpren o requisito de contar como mínimo con 5 persoas de entre 18 e 29 anos. Ademais, a orde segue aberta ás asociacións xuvenís e ás entidades prestadoras de servizos á xuventude que carezan de interese de lucro.
Outra das novidades é que, desde o ano pasado, os solicitantes poden pedir á Xunta un adianto económico do 80 por cento sobre a cantidade total da axuda concedida. A finalidade desta modificación é impedir que a falta de liquidez sexa un impedimento para levar a cabo unha boa idea.Segundo o ámbito do proxecto, os 269 beneficiados repártense do seguinte xeito: un total de 124 proxectos do eido autonómico (79 de grupos informais e 45 de asociacións) e 145 de ámbito local, presentados por asociacións xuvenís e outras entidades. En concreto, estes últimos 145 distribúense territorialmente: 28 en A Coruña, 25 en Lugo, 31 en Ourense e 61 en Pontevedra.
No que se refire aos contidos dos proxectos, son todos de carácter moi diverso. En xeral, céntranse nos ámbitos do ocio e lecer educativo; na creación de espazos para a comunicación e as novas tecnoloxías; ou no fomento de actitudes creativas, innovadora e emprendedoras.Máis en concreto, entre os proxectos beneficiarios propuxéronse iniciativas como: a posta en marcha dun invernadoiro de agricultura ecolóxica e accións destinadas a promover o consumo de alimentos máis saudables e sostibles; a organización dunha feira solidaria ou a realización de roteiros con distintas actividades; a limpeza de ríos e xornadas e obradoiros sobre concienciación medioambiental; xornadas sobre emprego en sectores específicos; organización de xogos de rol; encontros tecnolóxicos; ou montaxes de espectáculos musicais e cursos de verán de danza, música e teatro.



Digg
Del.icio.us
Googlize this
Facebook















